Dous alumnos de Lugo reciben os Premios Extraordinarios de Bacharelato

LugoXa
Trátase de Antía Miragaya Vázquez, que estuda no IES Xoán Montes, e de Rosalía Bernárdez Riopedre, do IES Leiras Pulpeiro
Imaxe recurso de estudantes
15 Dec 2024

A Xunta de Galicia vén de recoñecer a excelencia académica de 20 alumnos que cursaron 2º de Bacharelato no curso 2023/24 cos premios extraordinarios. Este galardón ten como obxectivo valorar os méritos excepcionais acadados grazas ao esforzo e traballo dos estudantes, que completaron esta etapa educativa cun destacado rendemento académico.

Para optar ao premio, convocado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, os candidatos debían ter unha nota media igual ou superior a 8,75 puntos no Bacharelato. Ademais, os aspirantes tiveron que superar unha proba presencial que se dividiu en dúas partes. A primeira parte centrouse nunha análise e comentario crítico dun texto sobre un tema de carácter xeral, histórico, filosófico, científico ou literario, así como a resposta a cuestións culturais ou lingüísticas sobre un texto na primeira lingua estranxeira II cursada polo alumnado como materia común do Bacharelato.

A segunda parte consistiu no desenvolvemento de temas, respostas a cuestións ou exercicios prácticos dunha materia de modalidade cursada polo alumnado, a elixir entre Ciencias Xerais, Matemáticas II, Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II, Latín II, Debuxo Artístico II, Análise Musical II e Artes Escénicas II.

Cada un dos galardoados recibirá un incentivo económico de 1.000 euros e un diploma acreditativo. A distinción será reflectida tamén nas certificacións académicas dos estudantes premiados.

Na provincia de Lugo hai dous premiados, os dous de institutos da cidade. Trátase de Antía Miragaya Vázquez, que estuda no IES Xoán Montes, e de Rosalía Bernárdez Riopedre, do IES Leiras Pulpeiro.

⚙ Configurar cookies
0.17484188079834