Dous centros en Lugo impartirán o Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía

LugoXa
O IES Lucus Augusti e o IES Nosa Señora dos Ollos Grandes impartirán o vindeiro curso o Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía
lugo ies lucus augusti
16 Ago 2022

O IES Lucus Augusti e o IES Nosa Señora dos Ollos Grandes impartirán o vindeiro curso o Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach), unha acción enmarcada na Estratexia Galega para a Educación Dixital, Edudixital 2030, que ten entre o seus obxectivos promover a vocación do alumnado cara á investigación científica e tecnolóxica, mediante unha metodoloxía que lle facilite a incorporación e adaptación á ensinanza  universitaria é tendo en conta a perspectiva de xénero.

O STEMBach, que inclúe o desenvolvemento dun proxecto de investigación, contribúe a afondar no traballo das competencias matemática e básica en ciencia e tecnoloxía mediante os elementos e os procedementos da investigación e do método científico, dun xeito rigoroso, ordenado e crítico. Facilita tamén a adquisición de competencias transversais, como a creatividade, o sentido da iniciativa e o emprendemento, a resolución
de problemas, o traballo en equipo, o pensamento crítico e a cidadanía global; así como a mellora das destrezas comunicativas e expresivas, con énfase na comunicación e divulgación científica, nas competencias dixitais e na incorporación da intelixencia artificial. A Xunta de Galicia implantou esta iniciativa por primeira vez no curso 2018/19 como experiencia piloto, que se foi consolidando ata chegar aos 726 alumnos matriculados o curso pasado (case un 56% mulleres).

O STEMbach ten unha duración de dous cursos académicos e pode incorporarse a el o alumnado de calquera das modalidades de Bacharelato. Os participantes desenvolverán un proxecto de investigación, no segundo curso do Bacharelato, relacionado con calquera ámbito de coñecemento das materias cursadas na etapa, que estará co-dirixido por un docente pertencente a un departamento universitario ou entidade de investigación de Galicia e do que o alumno realizará unha defensa do traballo en sesión pública.

Así mesmo, estes estudantes cursarán unha materia de afondamento relacionada co ámbito STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría ou matemáticas) extracurricular, en 1º e 2º de Bacharelato, que poderá basearse nalgunha das materias relacionadas con este ámbito ou ter un enfoque interdisciplinar, con orientación ao traballo na mellora das competencias comunicativas e dixitais, e que terá unha carga lectiva semanal de dúas ou tres horas fóra do horario ordinario do alumnado.

A maiores, este alumnado realizará actividades complementarias de formación, organizadas polo centro en colaboración con universidades, entidades ou organismos investigadores, ou persoas investigadoras de recoñecida competencia, como conferencias, obradoiros ou proxectos.
Ao remate dos dous anos do proxecto, e logo da avaliación positiva tanto da materia de afondamento STEM extracurricular como da defensa do proxecto de investigación, os alumnos recibirán unha credencial da dirección do centro de que realizou os estudos correspondentes a este programa, que tamén se fará constar no seu historial académico

0.19175291061401