Dous equipos do CIFP Politécnico Lugo destacan na Silver Piston SMC-España 2026

LugoXa
Carlos Fernández Rodríguez e Andrés Díaz López, xunto a Carla Ares Díaz e Samuel José Méndez Pérez, acadan o primeiro e o segundo premio nunha competición estatal de automatización industrial
CIFP-Politécnico-Lugo-Silver-Piston-SMC-España-2026
5 Feb 2026

Dous equipos do CIFP Politécnico Lugo acadaron os dous primeiros premios da competición Silver Piston SMC-España 2026, un certame estatal dirixido a alumnado de Formación Profesional no ámbito da automatización industrial. A final celebrouse nas instalacións da multinacional xaponesa SMC en Vitoria-Gasteiz e reuniu a 28 equipos procedentes de 20 centros formativos de dez comunidades autónomas, todos eles clasificados tras superar unha fase previa.

O primeiro premio foi para Carlos Fernández Rodríguez e Andrés Díaz López, que participaron acompañados polo seu profesor Juan Mendoza Villanueva. A segunda posición recaeu noutro equipo do mesmo centro lucense, integrado por Carla Ares Díaz e Samuel José Méndez Pérez, coa súa profesora Ana Pérez Vázquez. O terceiro premio foi para Filip Szczepanski e Jesús Santiago Parra Rico, do centro Salesianos Carabanchel Beato Miguel Rúa, xunto ao seu profesor Enrique Fernández Martín.

Os tres equipos premiados recibiron galardóns por un valor conxunto superior aos 18.000 euros, que se destinarán, entre outros fins, á adquisición de equipamento e ferramentas didácticas para os centros formativos gañadores. Ao longo da xornada, o CIFP Politécnico Lugo destacou polo seu dominio na clasificación final fronte ao resto de participantes.

A competición Silver Piston España 2026 celebrou a súa terceira edición como unha iniciativa educativa orientada a estudantes das especialidades de Instalación e Mantemento, Electricidade e Electrónica e Fabricación Mecánica. O evento reuniu a 52 alumnos e 28 docentes e propuxo probas teóricas e prácticas centradas en pneumática e electroneumática, simulación de procesos, detección de avarías e interpretación de documentación técnica.

Máis alá dos resultados, o certame consolidouse como unha plataforma para visibilizar o talento novo e subliñar o papel estratéxico da Formación Profesional no proceso de automatización e dixitalización da industria actual e futura.

⚙ Configurar cookies
0.080902099609375