Dous equipos do Dez Portas rematan a tempada destacando en Segunda División Galega

O Dez Portas Restaurante Carlos acaba de coroarse campión da Segunda División Galega esta fin de semana, asegurando así o ascenso directo a Primeira Galega. Con este triunfo, o club suma o seu terceiro ascenso nesta tempada histórica.
O equipo, composto por Adolfo Delmo, Jacobo Díaz, Miguel Aira, José Miguel López, David Fernández e Jesús Álvarez, protagonizou unha campaña impecable, sumando 16 vitorias en 16 partidos e mantendo a imbatibilidade durante toda a liga. A súa superioridade ao longo do campionato confirmou o excelente traballo colectivo e o compromiso dos xogadores.
Por outra banda, o outro conxunto do club na Segunda División Galega, o Dez Portas Imglo Imagen Global, rematou a tempada cun excelente terceiro posto. Integrado polos máis novos da entidade —Mateo López, Mateo Sánchez, Mateo Ferreira, Óliver López, Daniel López e Iván Rois—, o equipo protagonizou unha espectacular segunda volta, na que foron de menos a máis.
A súa progresión foi tan notable que, de durar a competición algunha xornada máis, o resultado final podería ter sido aínda máis favorable. Como exemplo do seu gran momento de forma, na última xornada lograron unha importante vitoria a domicilio ante o segundo clasificado, o TDM Vilalba.
Con estes resultados, o Dez Portas confirma unha tempada para lembrar, consolidándose como un referente do deporte galego.