Dous homes e un destino
Por Moncho Paz
As recentes homenaxes a Enrique Urquijo, inesquecible voz rota da melancolía nos seus diferentes estados, trouxéronme á mente durante esta tempada a figura de Vicente Ahumada, quen tamén foi un destacado profesional do mundo da música en España e que tampouco está xa connosco. Cando finou en 2011, amigos comúns encargáronme que escribira a súa nota necrolóxica, da cal hoxe recupero varios parágrafos. Nas múltiples vivencias da miña etapa universitaria en Madrid, tiven a oportunidade -e a sorte- de coñecer a un a través do outro.
Corría o ano 1989. A historia comeza nunha agradable mañá de domingo no bar La Bobia, sito na rúa San Millán, que era a antesala do Rastro. Un local emblemático, elixido por varios directores de cinema como escenario das súas películas, como foi o caso de Almodóvar en “Laberinto de pasiones”. Alí coincidín por vez primeira con Enrique Urquijo, cantante e alma de Los Secretos, a quen me uniu a nosa mutua afección -case fanatismo- polos cómics. Tomando unha cervexa na barra, escoitei que comentaba con varios colegas o seu interese en completar a colección do tenente Blueberry, unha secuencia francesa de historietas do oeste; tamén lle gustaba Jim Cutlass, dos mesmos autores. E eu tiña uns cantos exemplares no piso de estudantes/roqueiros que compartía con Xulio Villarino na Ronda de Valencia. De forma espontánea, entrei na conversa e quedamos en atoparnos o domingo seguinte, á mesma hora, para o primeiro troco. Eu pasaríalle varios exemplares de Blueberry a cambio de Torpedo 1936, unha serie española que narra as aventuras de Luca Torelli, un desalmado asasino a soldo. Así foi e, de seguido, continuamos o periplo pola praza de Cascorro e arredores, perdéndonos entre numerosos postos de venda e algunhas tabernas. Unha anécdota que lle contei durante aquel Nadal a outro entusiasta dos cómics, Agustín Fernández Paz, que fora galardoado co premio Merlín 1989 e que me concedera unha entrevista en exclusiva que publicamos posteriormente en El Progreso (“Non me gosta a moralina”, 4 de abril de 1990).
Algún tempo despois -arredor de 1992- Enrique presentoume unha noite a Vicente Ahumada. Foi no Honky Tonk Bar, de Antonio Yenes (batería de Mermelada), un habitual punto de encontro para os noctámbulos da época. Nos altofalantes escoitabamos a The Flying Burrito Brothers. A noite rematou no barrio de Malasaña, territorio comanche do afamado poeta Juan Repullés, quen trinta anos máis tarde puxo letra a aqueles días de xolda interminable en “Las reglas de la inconsciencia” (Madrid, Ed. Vitruvio, 2019). Un libro reflexivo, cheo de forza, capaz de facernos ver o mundo no seu declive; uns versos fermosos, pero tamén duros e amargos.
Ademais de desenvolver distintas responsabilidades en compañías discográficas, Vicente estaba considerado como un dos maiores expertos na figura de Elvis Presley. De feito, o “Club Elvis” chegou a ser todo un referente no panorama musical español, tras dezaseis anos en antena baixo a súa dirección. Nado en Madrid, Vicente permaneceu toda a súa vida vencellado á música: dende finais da década dos 70, durante a súa etapa como disc-jóckey na sala Fontana, coincidindo co espertar do fenómeno cultural, artístico e musical da “movida”. Durante dous lustros traballou en Hispavox, formando parte do departamento de promoción de radio, ademais de colaborar coa área de lanzamentos internacionais e na edición dalgunhas series de coleccionistas. O seu bo oficio contribuíu ao lanzamento de grupos como Alaska y Los Pegamoides, Radio Futura, Nacha Pop e Los Secretos, entre outros. Precisamente estes últimos realizaron a súa primeira gravación con Vicente, baixo a produción de Juan Luís Izaguirre e que sería editada posteriormente por Polydor. Tras pechar ese período da súa vida, Ahumada exerceu a función directiva en Max Music, promovendo os sucesivos lanzamentos da serie Max Mix e a distribución no noso país de selos discográficos especializados en rock e pop dos anos 50, 60 e 70, como Ace ou Demon. Tamén colaborou con EMI a finais dos 90, na selección de “oldies” hispanos. Coleccionista irredento, Vicente contaba cun amplo repertorio discográfico, difícil de valorar e baseado especialmente en discos de vinilo da época. Pero sen dúbida, a maior achega de Ahumada foi o seu decisivo papel para difundir a figura de Elvis Presley, o “rei do rock”, a través do programa “Club Elvis” (primeiro en Cadena 100 e máis tarde en Rock & Gol), que contou cunha lexión de seguidores, tanto na radio coma nas redes sociais. Dez anos despois do seu pasamento, a súa lembranza permanece viva no panorama musical español, onde tivo moitos e grandes amigos, entre os que sempre destacou o incondicional Manolo Fernández, histórico locutor de Toma Uno (Radio 3). Como Vicente, todos dedicaron a súa vida profesional a trasladarnos o ambiente cultural da Americana Music, o xénero da música tradicional de Estados Unidos que ampara ao country, o bluegrass, o country alternativo e o rockabilly, con sede en Nashville.
Enrique Urquijo Prieto (1960-1999) e Vicente Ahumada Sanz (1948-2011) foron dous “gatos” adoptivos imprescindibles no Foro. Son un verdadeiro afortunado polo feito de que un día se cruzaran no meu camiño. Un ar de misticismo recubre aínda as paredes do Honky Tonk Bar, onde se mesturan os soños coa realidade e onde esta e outras historias dan paso á lenda (Gimme, gimme, gimme... The Honky Tonk Blues).