Dous mercados dinamizarán a contorna do Miño en Lugo

LugoXa
En cada cita haberá 20 prazas para comercios da cidade e 10 para particulares, asociacións e colectivos que vendan produtos
Presentación Localmente Lucense
18 Xul 2022

Mercadiños á beira do Miño para promover os produtos locais e dinamizar a contorna fluvial. É a nova iniciativa do Goberno de Lara Méndez para os últimos dous domingos de xullo, enmarcada no movemento Localmente Lucense. “Serán mercadiños multidisciplinares nos que haberá postos de comercios da cidade, obradoiros infantís, espazo para que particulares e asociacións mostren os seus produtos, así como unha zona decorada para facer pícnic, música ambiente e concursos”, explicou a rexedora.

Lara Méndez subliñou que “en cada cita haberá vinte prazas para comercios da cidade e dez para particulares, asociacións e colectivos que desexen presentar ou vender os seus produtos, así, o obxectivo é achegar artigos de km0 e de establecementos de proximidade do municipio ao público nun ambiente distendido e nun entorno natural único como é a ribeira do Miño, moi concorrida durante os meses de verán”.

Neste senso, os mercadiños celebraranse o domingo 24 e o 31 de xullo, de 11:00 a 15:00 e de 17:00 a 21:00 horas, para facilitar a participación de comerciantes e que poidan ofrecer os seus produtos fóra da tenda. O prazo de inscrición como expositores nos mercadiños estará aberto ata 3 días antes da data de inicio na páxina web www.localmentelucense.gal/mercados, onde se atopan as bases e toda a información.

Nos mercadiños haberá postos de comercios locais, obradoiros infantís, espazo para que particulares e asociacións mostren os seus produtos, zona decorada para facer pícnic (reserva de parcelas en www.localmentelucense.gal/mercados), música ambiente, photocall e concursos con premios por valor de 1000 euros cada día en vales de compras nos comercios adheridos ao movemento Localmente Lucense.

CONCURSOS

As persoas que soliciten unha parcela na zona de pícnic poderán participar no concurso “Pícnic de postal”, que premiará ás mellores parcelas decorada ao estilo Localmente Lucense (premio en vales de compras nalgún dos máis de 600 comercios adheridos ao movemento LocaLmente Lucense). O xurado reunirase antes das 20:00h para deliberar e emitir a súa avaliación en base á presencia de elementos típicos dun pícnic e a beleza plástica da imaxe.

Ás 20:30h farase entrega de tres premios con dotacións en vales de compras de 250, 125 e 75 euros.

Asemade, durante a xornada de mercadiño, agocharanse varios obxectos co logo de Localmente Lucense. Cando sexan atopados polos participantes darán dereito a un premio. Haberá un total de 25 obxectos cunha dotación total de 500 euros en vales repartidos en dous vales de 50 euros, 3 vales de 30 euros, 4 vales de 25 euros, 5 vales de 20 euros e 11 vales de 10 euros.

As persoas que atopen os obxectos deberán levalos ao posto de información do mercadiño onde poderán trocalos polo vale correspondente.

0.13597106933594