Down Lugo celebra o Día Mundial da Síndrome de Down e o seu 30 aniversario

A asociación Down Lugo e a Federación Down Galicia organizarán o próximo sábado 21 de marzo un acto conmemorativo do Día Mundial da Síndrome de Down e do 30 aniversario da entidade lucense, baixo o título '21/3 Rodando a vida'.
A cita terá lugar no Auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo a partir das 19:15 horas e combinará unha parte lúdica con outra institucional, coas persoas coa síndrome de Down como verdadeiras protagonistas.
Durante a xornada, as persoas asistentes poderán escoitar a lectura do Manifesto pola Promoción da Autonomía Persoal, así como presenciar a entrega dos XI Premios Down Galicia.
Os galardóns recoñecen o labor a favor da promoción da autonomía e a igualdade das persoas coa síndrome de Down, e nesta edición recaeron en Alejandro Méndez Lázare, pola súa colaboración desinteresada con Down Lugo a través de actividades formativas e da gala gastronómica solidaria “10 raziones”, e na Universidade de Santiago de Compostela pola súa implicación nos programas formativos desenvolvidos no Campus de Lugo para persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.
O acto será conducido pola Compañía de Teatro Down Lugo e o alumnado da Escola Palimoco Teatro Danza, e incluirá diversas propostas que mesturan emoción, humor e reflexión. Ademais, contará coa actuación de Abraham Cupeiro.
O auditorio transformaráse nun cine improvisado, homenaxeando ás salas de Lugo en 1996, ano da creación de Down Lugo, e facendo un guiño aos Premios Mestre Mateo que se entregan esa mesma noite na cidade.
Representantes das xuntas directivas de Down Lugo e Down Galicia estarán acompañados por autoridades municipais, autonómicas e provinciais, nun acto aberto á cidadanía, concibido como espazo de encontro, visibilización e reivindicación colectiva.