Down Lugo e Raiolas reciben os 16.182 euros recadados na gala solidaria Diez Raz10nes

LugoXa
A cita contou coa participación de 12 chefs de renome, así como coas actuacións do Mago Rafa e da banda musical 'La Penúltima Sabinera'
cheque-Gala-Raz10nes-Lugo-Raiolas-e-Down
19 Mar 2025

As asociacións Down Lugo e Raiolas recibiron os 16.182 euros recadados na gala solidaria Diez Raz10nes, celebrada o pasado 21 de febreiro no Círculo das Artes de Lugo.

O evento reuniu a 250 persoas que desfrutaron dunha experiencia culinaria única impulsada por empresas de restauración, comunicación, organización de eventos e diversas entidades sociais.

A cita contou coa participación de 12 chefs de renome, así como coas actuacións do Mago Rafa e da banda musical 'La Penúltima Sabinera', que contribuíron a crear unha velada solidaria e festiva.

Os fondos recadados destinaranse a renovar e ampliar o material terapéutico co que traballa a diario a Asociación Raiolas Lugo, dirixido a persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA) e Trastornos da Comunicación Social (TCS).

Pola súa parte, Down Lugo empregará o importe recibido para impulsar un programa de fomento do emprego para persoas con discapacidade intelectual.

O deputado de Medio Ambiente, Carlos López, participou no acto de entrega dos cheques xunto co presidente do Comité Organizador da gala, Héctor López, a presidenta da Asociación Down Lugo, Mª José Blanco, e a presidenta de Raiolas, Inés Flores Lozano, entre outros representantes das entidades colaboradoras.

Carlos López destacou o compromiso da Deputación co tecido asociativo da provincia e sinalou que “apoios como este contribúen á inclusión social, á igualdade e ao benestar da cidadanía, construíndo unha sociedade máis xusta para todos”. A institución provincial colaborou con 6.000 euros para a organización da gala.

Tamén estivo presente o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, quen participou no acto simbólico de entrega dos cheques, celebrado na Mosqueira da Muralla. Arias gabou “o esforzo dos empresarios lucenses que impulsaron esta iniciativa e lograron unha resposta solidaria exemplar por parte da cidadanía”.

⚙ Configurar cookies
0.71973609924316