Down Lugo reivindica a inclusión nunha gala emotiva e chea de compromiso social

A Asociación Down Lugo celebrou unha gala cargada de emoción e reivindicación en favor da plena inclusión das persoas coa síndrome de Down, nun acto organizado xunto á Federación Down Galicia baixo o título ‘21/3 Rodando a vida’. A cita reuniu a numerosas persoas asistentes nun evento que puxo o foco na igualdade de oportunidades e na autonomía persoal.
Un dos momentos centrais da xornada foi a lectura do Manifesto pola Promoción da Autonomía Persoal, no que se destacou a necesidade de seguir avanzando na inclusión real das persoas con discapacidade intelectual. No marco da gala tamén tivo lugar a entrega dos XI Premios Down Galicia, uns galardóns que recoñecen o compromiso coa igualdade e coa mellora da calidade de vida das persoas coa síndrome de Down.
Nesta edición, os premios recaeron no chef Alejandro Méndez Lázare, pola súa colaboración altruísta con Down Lugo a través de iniciativas formativas e da gala gastronómica solidaria “10 razóns”, e na Universidade de Santiago de Compostela, pola súa implicación nos programas formativos desenvolvidos no Campus de Lugo dirixidos a persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.
O auditorio transformouse para a ocasión nun cine improvisado que rendeu homenaxe ás salas de Lugo no ano 1996, nunha proposta escénica que incluíu un espectáculo protagonizado pola compañía de teatro Down Lugo e o alumnado da escola Palimoco Teatro Danza. A programación completouse coa entrega dos premios e coa actuación musical de Abraham Cupeiro, que contribuíu a reforzar o carácter emotivo do evento.
Durante a gala, representantes autonómicos puxeron en valor o labor da Federación Down Galicia e das sete asociacións que a integran, destacando o seu traballo para “dar visibilidade, defender os dereitos e crear oportunidades para as persoas coa síndrome de Down”. Así mesmo, subliñaron o apoio da Xunta a estas iniciativas, mediante o financiamento de programas destinados a favorecer a inclusión sociolaboral, cun investimento que superou os 2,5 millóns de euros no último ano.
Pola súa parte, Pablo Rivera Capón puxo en valor o traballo de Down Lugo e sinalou que “unha sociedade avanza de verdade cando todas as persoas poden formar parte dela. O traballo que leva realizando Down Lugo durante estes 30 anos para abrir camiño. Camiños para a formación, para o emprego e para a participación social. E, sobre todo, camiños para que moitas persoas con síndrome de Down poidan exercer algo tan básico como o dereito a vivir con autonomía e a tomar decisións sobre a súa propia vida”, destacou Pablo Rivera durante a súa intervención.