Dúas estudantes de Lugo galardoadas co Premio Nacional de FP de Grao Superior
Dúas lucenses foron galardoadas polos Premios Nacionais de FP de Grao Superior do conxunto do Estado. O alumnado de Formación Profesional de Galicia acapara preto do 17% dos premios, pese a contar con só o 6% do total do alumnado. Dos 78 recoñecementos nas convocatorias do 2017, 2018 e 2019, 13 corresponden a estudantes de Galicia.
Os galardoados foron recibidos esta mañá polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, que aproveitou para transmitirlles a felicitación en nome da Xunta e de Galicia. “A vosa vitoria nos Premios Nacionais de Formación Profesional é un reflexo do talento, da dedicación e do esforzo que amosades en cada un dos vosos proxectos, así como un orgullo para todos nós”, expresou.
Estes galardóns significan tamén un recoñecemento ao labor que están facendo os centros e os seus equipos directivos e docentes a prol dunhas ensinanzas de Formación Profesional que hoxe en Galicia son sinónimo de calidade e de empregabilidade.
A día de hoxe a Formación Profesional galega é “un referente” tanto en España como en Europa. Este modelo formativo onde destaca especialmente a FP Dual como unha das vías que xera maiores oportunidades profesionais para a mocidade.
GALICIA NO PODIO
No que atinxe aos Premios Nacionais de FP, Galicia sitúase como a segunda CCAA, por detrás da Comunidade Valenciana, con más alumnos galardoados; e a moita distancia de Canarias (que é a terceira con nove premios) ou Castela e León e Madrid (con oito recoñecementos cada unha delas nestes anos).
Este tipo de galardóns (tanto a nivel estatal como autonómico) únense a outros escaparates que permiten visibilizar o traballo dos alumnos, do profesorado e do coxunto do persoal dos centros de FP, como son as convocatorias anuais das Olimpíadas de FP a nivel galego, estatal e mundial (Galiciaskills, Spainskills e Worldskills, respectivamente).
As galardoadas foron Estefanía Vilasante do CIFP As Mercedes e Estefanía Ramos Bellas, do IES Muralla Romana de Lugo.