Dúas novas escolas infantís de Lugo contarán con servizos de educación, cociña, comedor e limpeza

A Xunta de Goberno do Concello de Lugo aprobou a apertura do procedemento de licitación para os servizos de educación, cociña, comedor e limpeza das escolas infantís Luís Soto Menor, en San Fiz, e María Wonenburger, na Piringalla. Dado que o contrato actual está próximo a expirar, a Concellería de Educación pon en marcha a tramitación dun novo acordo de dous anos de duración, prorrogable ata un máximo de catro anos.
O procedemento divídese en dous lotes: o primeiro, para a Escola Infantil Municipal Luís Soto Menor, cun orzamento inicial de 865.232,33 euros, e o segundo, para a Escola Infantil Municipal María Wonenburger, con un importe de saída de 859.865,40 euros, ambos sen IVE. En conxunto, a licitación ascende a preto de 1,7 millóns de euros máis IVE.
Rubén Arroxo destacou que “seguimos a asumir competencias impropias ante a falta de implicación da Xunta de Galicia na xestión das escolas infantís” e subliñou “o gran esforzo económico e administrativo que realiza cada ano a Concellería de Educación para garantir estes servizos”.
A Xunta de Goberno tamén autorizou a contratación da impresión dos calendarios de mesa do Arquivo Municipal, unha proposta moi demandada pola veciñanza por incorporar imaxes históricas da cidade. Están previstas 2.000 unidades anuais, cun contrato prorrogable ata tres anos e cun importe de saída de 4.356 euros.
Ademais, Rubén Arroxo anunciou a aprobación dun convenio de colaboración coa Fundación “la Caixa” para instalar a exposición 'Symphony. Unha viaxe ao corazón da música clásica' na praza Horta do Seminario. A mostra permanecerá aberta ao público entre o 25 de outubro e o 12 de decembro de 2025 e “non suporá ningún custo económico para o Concello, que só asumirá a xestión do espazo público”, explicou Arroxo, engadindo que “é unha iniciativa cultural de gran interese educativo, especialmente orientada a centros escolares”.
Por último, iniciouse un procedemento sancionador contra a empresa Serviplustotal S.L., responsable da xestión da Casa das Linguas entre o 14 de xuño de 2024 e o 21 de agosto de 2025, despois de que cinco traballadoras denunciaran non ter recibido os salarios correspondentes entre o 1 e o 20 de agosto de 2025. O incumprimento grave das obrigas contractuais leva á imposición dunha sanción do 5 % do valor total do contrato, que ascende a 5.687,22 euros.