Dúas parroquias de Castro de Rei e Outeiro de Rei ofrecen no programa de festas degustación de produtos autóctonos

O programa Un gusto de rural, un rural degusto, impulsado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, estará presente nas festas de Castro Riberas de Lea, Ludrio, Bonxe e Cela ao longo do mes de agosto, promocionando a carne de razas autóctonas galegas.
O deputado Daniel García mantivo un encontro coas comisións organizadoras das festas, ás que agradeceu a súa implicación nesta iniciativa, destinada a dar a coñecer a excelente calidade dos produtos de razas autóctonas e a poñer en valor o labor das gandeiras e gandeiros que traballan pola recuperación e conservación deste patrimonio xenético, así como polo mantemento do territorio.
Segundo destacou o responsábel provincial, a mellor maneira de apoiar esta actividade é demandando os seus produtos, e subliñou que as festas populares, ao contar cun público amplo e diverso, representan unha oportunidade para achegar estes alimentos a novos consumidores.
Durante as degustacións, ofrecerase carne procedente de ganderías locais, como galiña de Mos de Bea Canto de Pacios, en Castro de Rei, e de Jose Luís Freire, de Pol; carne de vacún de raza Limiá da gandería de Ana María Teijeiro, en Loentia (Castro de Rei); xamón de Porco Celta da gandería Porco Celta de Outeiro, en Ponte de Outeiro (Castro de Rei); carne de vacún de raza Vianesa da gandería ecolóxica Casa do Alcalde, en Mosteiro (Outeiro de Rei); e carne de vacún de raza Cachena da gandería Cachenas de Antía, en Robra (Outeiro de Rei). A Cooperativa Tres Fuciños, de Castro de Carballedo, tamén participará nalgunhas das degustacións achegando produtos de Porco Celta.
Daniel García agradeceu igualmente a colaboración das asociacións gandeiras Boaga e Asoporcel, que, ademais de apoiar a organización loxística das degustacións, propoñen receitas e elaboracións variadas que amosan a versatilidade dos produtos de razas autóctonas.
As festas de Castro Riberas de Lea celebraranse do 8 ao 11 de agosto. Tras a sesión vermú do día 11, servirase empanada de carne de vacún de raza Limiá, escabeche de polo de Mos, xamón de Porco Celta e croquetas de galiña de Mos.
En Bonxe, as festas terán lugar do 15 ao 17 de agosto. O día 15, ás 22.00 horas no campo da festa, haberá degustación de empanada de galiña de Mos, bolo preñado con chourizo de Porco Celta, croquetas de carne de vacún de raza Cachena e xamón de Porco Celta.
En Ludrio, as celebracións serán os días 16 e 17 de agosto. O domingo 17, durante a sesión vermú, ofreceranse minihamburguesas de carne de vacún de raza Limiá, croquetas de galiña de Mos e xamón de Porco Celta.
As festas de Cela decorrerán do 22 ao 25 de agosto. A noite do día 22 contará cunha actuación musical acompañada dunha degustación de escabeche de polo de Mos, xamón de Porco Celta e croquetas de carne de vacún de raza Vianesa.