Dúas pistas de tenis de Frigsa reabren nun mes
Os traballos de cubrición de dúas novas pistas de tenis de Frigsa atópanse xa tan avanzados que o goberno local agarda poder reabrir as instalacións no prazo aproximado dun mes.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada polos edís Miguel Fernández e Mauricio Repetto, supervisou as obras que, dende o mes de xaneiro, está a desenvolver a empresa Sport Equipalia, adxudicataria do contrato.
Unha intervención que, como a propia rexedora subliñou, “pretende protexer das inclemencias meteorolóxicas dúas das catro pistas existentes neste complexo deportivo, concretamente as ubicadas máis ao norte, para incrementar a súa funcionalidade durante todo o ano”.
Os labores inclúen a colocación dunha estrutura a base de perfís laminados na que se empregaron, como elemento de cubrición, pranchas de panel sándwich de 30 mm de espesor. Igualmente, todo o cerramento exterior vai tapado de forma íntegra con chapa de tipo minionda de aceiro galvanizado, lacada en cor, que se fixa á superficie portante.
Trátase dunha actuación na que o Concello investe 296.159 euros e coa que se incrementarán os equipamentos a disposición das e dos lucenses que, logo da reforma, poderán contar así cun total de dúas canchas a cuberto, outra pechada e dúas máis ao aire libre.
“Unha mellora que pon de manifesto non só a vontade e o compromiso deste goberno por aumentar as dotacións de lecer e esparexemento do municipio senón tamén por fomentar a práctica do execicio e promover pautas de vida saudable entre a poboación, especialmente na mocidade, ao tempo que atendemos as demandas que nos achega a veciñanza xa que o tenis é unha das modalidades deportivas que conta con máis afeccionados na nosa cidade”, destacou a rexedora.
Lara Méndez lembrou tamén que, nestes momentos, o Concello traballa para construír, baixo criterios de sustentabilidade, un novo pavillón multidisplinar e que nas últimas semanas se iniciou, alén, a creación dun Skate Park na contorna da Avenida Duquesa de Lugo.