Dúas profesoras de LeMans interésanse pola declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade
Dúas profesoras da universidade de Le Mans coñeceron, hoxe, acompañadas pola doutora Elena Freire Paz, do departamento de Filosofía e Antropoloxía da USC, o Concello de Lugo. Alí foron recibidas polo tenente alcalde, Rubén Arroxo, e a edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro.
A edil de Cultura mostrou ás investigadoras o traballo realizado polo Concello de Lugo e a implicación de toda a veciñanza da cidade hai máis de 20 anos, cando se conseguiu que a Muralla fose declarada Patrimonio da Humanidade, e o traballo que se continúa a facer hoxe desde o Goberno de Lugo para continuar a dinamizar e poñer en valor a Muralla e a súa contorna.
“Desde a área de Cultura e o resto de áreas do Goberno de Lugo traballamos para que a Muralla de Lugo sexa un referente de Lugo por todo o mundo”, afirmou Maite Ferreiro, que engadiu “a Muralla é o principal atractivo turístico da cidade e unha das imaxes máis representativas da cidade”.
Nos últimos anos, a contorna da Muralla acolleu unha grande cantidade de programación cultural, como concertos ou mostras de danza. “Unha vez se remate a peonalización da Mosqueira, a nova praza será un importante punto da programación cultural da cidade”, afirmou Maite Ferreiro.