Ecoloxistas e Ulloa Viva piden que non se financie con cartos públicos o proxecto de Altri

LugoXa
Reuníronse no Congreso con Cristina Narbona, presidenta da Comisión de Transición Ecolóxica, para informarlle sobre os graves impactos ambientais
ulloa-viva--reunión-Narbona
26 Xuño 2024

Representantes da plataforma Ulloa Viva, xunto con membros de Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace, reuníronse no Congreso con Cristina Narbona, presidenta da Comisión de Transición Ecolóxica, para informarlle sobre os graves impactos ambientais que causaría a instalación dunha macro fábrica de celulosa na comarca da Ulloa. Informaron neste encontro a Narbona do “nocivo” deste proxecto e pediron o seu apoio para que non se financie con cartos públicos.

Lembraron que a empresa da man da Xunta quere financiar o 25 % do proxecto con cartos públicos, do PERTE da descarbonización. “Piden 250 millóns de euros dos cartos de todos para unha industria contaminante, e queren ademais uns fondos que son precisamente para todo o contrario, con condicións claras na súa regulación de apostar por non danar o territorio, a economía circular, a protección da biodiversidade e da saúde”. A modo de exemplo sinalaron a Narbona que Altri non inclúe no seu EIA a súa pegada de carbono, pero o propio CEO da empresa recoñeceu que serán máis de 100.000 toneladas de CO2 ao ano.

Pola Plataforma Ulloa Viva, asistiron a este encontro con Cristina Narbona a presidenta, Marta Gontá, e Adrián Gallero. A Plataforma trasladoulle á presidenta da Comisión de Transición Ecolóxica un completo dossier cos incumprimentos que o proxecto de Altri en Palas de Rei fai tanto da normativa galega e estatal coma de ata sete Directivas Comunitarias. Tamén lle deixaron claro os motivos polos que a veciñanza das comarcas da Ulloa, O Deza, Terra de Melide e Arzúa se opoñen a esta macrocelulosa no corazón de Galicia, ademais da oposición dos concellos que se abastecen do río Ulla ata a ría de Arousa.

Nela tamén a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa ten advertido que de levarse adiante este proxecto suporía o fin do marisqueo na zona e poría en perigo 19.000 empregos. Marta Gontá detallou os datos oficiais publicados por Altri Greenalia no DOG o pasado 4 de marzo. Nese proxecto Altri pide unha captación de 46 millóns de litros de auga diarios do embalse de Portodemouros para 75 anos, unha barbaridade nun escenario de cambio climático coma o actual. Os voceiros de Ulloa Viva agradeceron o interese e a dispoñibilidade, tanto de Narbona coma da voceira de Agricultura do PSOE, Patricia Otero, que tamén asistiu ao encontro.

60 toneladas de sulfatos

Según a páxina 18 do documento do Estudo de Impacto Ambiental (EIA) Greenfiber (ALTRI- GREENALIA) esta fábrica pretende que se conceda permiso para botar 60 toneladas o día de sulfatos ao río Ulla do cal beben arredor de 140.000 persoas (11 concellos) e acaba na ría de Arousa, onde a contaminación da macrocelulosa na ría porá en risco 19.000 postos de traballo e o 70 % da produción de mexillón galego.

Na páxina 117 do documento “Autorización Ambiental Integrada (AAI) para la implantación de una industria de fibras textil” do EIA (ALTRI-GREENALIA) esta fábrica pretende que se conceda permiso para botar a atmosfera 8.754 kg de gases contaminantes ao día, entre outros óxidos nitrosos e óxidos sulfurosos. Estes provocarían chuvia ácida e enfermidades relacionadas co sistema respiratorio. Ademais, a compañía recoñece que verterá 60 toneladas de sulfatos na auga ao día.

A totalidade das 366 hectáreas nas que Altri-Greenalia quere instalar o complexo industrial pertencen a unha zona contemplada para ampliación da Rede Natura 2000 nas propostas que a propia Xunta de Galicia someteu a información pública en 2008 e 2011, seguindo requirimento da Comisión Europea polo seu incalculable valor natural. A zona elixida é un dos hábitats máis interesantes e raros de Galicia xa que se empraza directamente sobre afloramentos de rochas serpentiníticas, materiais pouco frecuentes que se orixinan por alteración de rochas ultramáficas.

Danos para a fauna

Esta especial orixe das serpentinitas é unha das causas da súa escasa presenza a nivel mundial.  Así, do total da superficie terrestre, as áreas serpentinizadas ocupan menos do 1 %. A implantación desta fábrica e as súas infraestruturas asociadas ignora totalmente a Estratexia da UE para a protección do solo para 2030, que indica que os Estados membros deben mellorar a xestión do uso do solo para permitir a súa conservación xa que é vital para a nosa supervivencia.

O maior interese radica en catro especies endémicas, que en todo o mundo só se encontran nestes afloramento serpentiníticos do centro de Galicia. Tres delas (Armeria merinoi, Leucanthemum gallaecicum e Santolina melidensis) están moi localizadas e en declive pola destrución do hábitat, polo que están catalogadas coma en perigo de extinción. Estas especies están catalogadas coma ameazadas tamén na Lista Roja de la Flora Vascular de España. Todo esto vén de ser denunciado nun manifesto contra o proxecto de Altri aprobado pola Facultade de Bioloxía da USC.

0.13847494125366