Ecoloxistas en Acción denuncia ante a Unesco o impacto negativo do parque eólico Picato

LugoXa
A asociación Ecoloxistas en Acción denuncia ante a Unesco o impacto negativo do parque eólico Picato sobre o patrimonio cultural de Lugo
7 Feb 2023

Ecoloxistas en Acción denuncia ante a UNESCO o impacto negativo do parque eólico Picato sobre o patrimonio cultural de Lugo e prepara accións xudiciais contra a autorización do proxecto. A entidade insta ao Consello Internacional de Monumentos e Sitios (ICOMOS) a actuar en defensa de elementos catalogados de Patrimonio da Humanidade como son o Camiño de Santiago e a Muralla romana, directamente afectados polo plan enerxético de Naturgy.

Neste senso dende Ecoloxistas en Acción consideran que "o Icomos, como organización internacional vinculada coa Unesco e adicada a promover a conservación, protección, uso e mellora do patrimonio cultural a nivel global ten que tomar cartas no asunto, dado que o proxecto do parque eólico Picato, de sair adiante, provocará unha afección inasumible sobre Lugo e a súa contorna xa que pola súa proximidade as liñas de aeroxeradores serán claramente visibles dende a cidade e a súa muralla romana, afectando ademáis ao Camiño Primitivo de Santiago".

Ecoloxistas en Acción Galiza recorda que "aínda que o parque eólico Picato, como afirma a promotora, poda xerar un efecto en canto a descarbonización, terá un impacto negativo moito maior sobre o valor patrimonial da paisaxe e os bens históricos que afecta, non sendo posible un efecto de mitigación polas inxentes dimensións dos aeroxeradores, que con 150 metros serán visibles dende toda a contorna urbana e rural luguesa".

A asociación tamén recorda que como figura na documentación enviada ao Icomos "o proxecto eólico inclúese por completo dentro da área de protección da zona núcleo da Reserva da Biosfera das Terras do Miño, afectándoa de maneira significativa tanto polas obras de cimentacións dos aeroxeradores como pola apertura de viais e gabias de cableado, algo incompatible cos obxectivos de preservación da mesma".

"Cómpre recordar, ademáis, que existe un forte impacto negativo sobre a biodiversidade porque o proxecto de Naturgy pretende desenvolverse nunha área prioritaria para a avifauna que conta coa presenza, entre outras, da tartaraña cincenta (Cyrcus pygargus), unha especie considerada vulnerable polo Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Hoxe en día a comunidade científica recoñece que a desaparición de parellas desta especie está en relación directa coa implantación descontrolada de aeroxeradores, feito que a está a poñer ao bordo da extinción" declaran dende Ecoloxistas en Acción.

Finalmente a entidade fai constar que "logo do rexeitamento da Xunta de Galicia ao recurso de reposición presentado por Ecoloxistas en Acción e outros dez colectivos o pasado 16 de xaneiro contra a autorización administrativa do proxecto, actuará por todas as vías legais ao seu alcance para acadar a paralización dun parque eólico que considera ilegal, invasivo e claramente lesivo para os intereses de Lugo, a súa bisbarra e a súa poboación".

0.14330410957336