Eddie Roberts & the Lucky Strokes actuarán o 1 de agosto en Lugo

LugoXa
As actividades desta fin de semana comezarán o día 1 a partir das 18h co espectáculo para público familiar 'O rompe récords' de Abraham Arzate
Eddie-Roberts-&-the-Lucky-Strokes
Eddie Roberts & the Lucky Strokes
18 Xul 2024

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou un novo concerto que se une á intensa programación que cada ano elabora a área de Cultura ao longo do verán. A agrupación Eddie Roberts & the Lucky Strokes, procedente de Denver, estará en Lugo o vindeiro 1 de agosto nun concerto gratuíto "que continúa coa nosa aposta pola cultura de calidade, neste caso achegando a Lugo a unha banda recoñecida dentro da escena actual do country-rock". O concerto terá lugar na praza de Campo Castelo, a partir das 20:30, e será gratuíto para toda a veciñanza que se achegue.

A fin de semana que comeza o xoves 1 de agosto aumenta deste xeito a importante programación cultural prevista dentro da programación cultural de verán. As actividades desta fin de semana comezarán o día 1 a partir das 18h co espectáculo para público familiar O rompe récords de Abraham Arzate. Versos na Barraca encherá a mosqueira de Poesía co espectáculo Lalín Epicentro Terra, con Celso Sanmartín, Masha Álvarez e Benxamín Otero. A programación musical seguirá os días 2 e 3 enchendo a praza da Mosqueira de música co Muralleando, celebrando o venres 2 o día do hip-hop coas actuacións de Suzzu, NP, Sozat, Shawn Frost e Rodri, mentres que o sábado 3 será a quenda de Condensadores de Fluzo

Maite Ferreiro destacou que desde a área de Cultura "traballamos para ofertar ás veciñas e veciños de Lugo unha programación cultural estable durante todo o ano, ampliándoa nos meses de verán, cando o tempo permite facer actividades no exterior para que toda a veciñanza de Lugo poida desfrutar da cultura ao aire libre".

Eddie Roberts & the Lucky Strokes

O cuarteto de Eddie Roberts, Shelby Kemp e as irmás Galbraith uníronse por primeira vez para tocar na festa do 20 aniversario do Masterpiece Ballroom de Cervantes en Denver, Colorado, e ao día seguinte gravaron un álbum completo en Color Red Studios para consolidar aínda máis a conexión musical recentemente creada. O son é unha amalgama de aclamados letristas Country como Willie Nelson, Waylon Jennings e George Jones, mesturado coa estética rítmica de James Brown e complementado co rock 'n' roll honesto, unha combinación destinada a facerse a súa propia sorte e conquistar a escena.

0.19655609130859