Edís do BNG de Lugo acudiron con Adega a limpar praias de granulados
Xunto cunhas 40 persoas achegáronse para colaborar coa limpeza do areal de Lóngara onde foron recibidos pola alcaldesa de Barreiros, Ana Hermida, e integrantes do goberno municipal.
O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, xunto coa edís do goberno municipal e veciñas e veciños de Lugo foron recibidos pola alcaldesa de Barreiros, Ana Hermida, e integrantes do equipo de goberno desta localidade. Xunto cunhas 40 persoas achegáronse para colaborar coa limpeza do areal de Lóngara, no concello de Barreiros, onde recibiron a formación precisa por parte de persoal técnico da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza Adega.
A xornada tivo lugar entre as 10:00 horas coa saída do transporte dende Lugo e a chegada ao areal ás 11:30. A actividade contou coa debida formación no protocolo de recollida de granulados, ademais de todo o material necesario para o desenvolvemento da limpeza e para manter a súa seguridade en materia de saúde. Seguindo o principio de precaución, Adega dotou ao voluntariado de luvas homologadas para a manipulación de produtos perigosos.
O protocolo de limpeza do lixo mariño elaborado por Adega inclúe especificacións concretas para a retirada adecuada de granulados de microplástico das praias. Algunhas das recomendacións pasan por acudir aos areais en grupos reducidos, realizar a limpeza de granulados nas horas de baixamar, empregar luvas de seguridade e evitar achegarse ás zonas ambientalmente máis sensibles. Aconséllase, igualmente, utilizar a técnica de varrido na area compactada cun cepillo para, posteriormente, metelos nuns recipientes con auga e eliminalos cun coador cunha luz de malla de entre 2 e 3 mm. Débese pisar o menos posible a zona a limpar, dirixindo o avance do grupo na mesma dirección. A recollida do material retirado debe facerse en bolsas específicas debidamente etiquetadas, e non mesturar os granulados con outro tipo de residuos.