Eduardo Romero visitará a cidade para presentar dúas das súas obras

LugoXa
Eduardo Romero presentará dos de sus libros en Bicos de grao en Lugo el próximo jueves 20 de enero a las 19.30 horas.
eduardo romero2
12 Xan 2022

Bico de grao acollerá o vindeiro xoves 20 de xaneiro ao escritor, activista e divulgador Eduardo Romero. Esta cita servirá para presentar a súa novela En mar abierto xunto con La nueva normalidad de Pepitas editorial.

Ámbolos dous textos removen por dentro, fan reflexionar e ser consciente da realidade.

O aforo será limitado e para poder asistir será preciso escribir un correo a bicodegrao@gmail.com ou un WhatsApp ao 651410992.

SINOPSE EN MAR ABIERTO
Unha cidade, un barrio, a escaleira dun portal. Este é o punto de partida de En mar abierto, unha novela coral construída con episodios reais que, con mirada certeira e desprexuiciada, narra as vicisitudes dunhas persoas a quen o noso mundo parece darlles as costas.

Rachid, Ahmed e Simo, que atopan refuxio no piso superior do edificio, cruzaron sós o Estreito sendo aínda nenos. No ollo do furacán da policía, e de toda unha sociedade que lles coloca o estigma de ser menas, tratan de construír unha vida propia sen encartarse aos ditados de quen quere disciplinarlos ou, directamente, expulsalos do país. Carmen, a veciña do terceiro, e Lamp, o apracible vendedor ambulante co que se cruza na escaleira, van tecendo a súa tenra amizade. Juan, sempre asomado á súa xanela, reparte gañidos a todo o que pasa por baixo. Hai unha anciá no primeiro que aparta a cortina, pero xamais se asoma. Xusto encima vive Rafa, o novo camareiro que, cansado do seu pai e das vacas, emigrou do pobo á cidade. Pronto coñecerá a Jenny, a muller que cruzou o charco co único afán de soster a quen deixou atrás. Todo, e moitos máis, conforman unha historia de xentes que, en mar aberto, tratan de sobrevivir ao temporal.

SINOPSE LA NUEVA NORMALIDAD
O coronavirus é un gran promotor do civismo. Onte a policía interveu en Xixón nunha casa na que se xuntaban vinte e oito xitanos. Migrantes e xitanos. Xente que se toca todo o intre, que se abraza, que grita e mete ruído. O virus contáxiase moito máis se gritas e te magreas. O civismo europeo, pola contra, é de natureza silenciosa e individualista. Nada de apelotonarse ou tocarse, nada de dar voces. Os cívicos axentes das multinacionais asinan desde o seu teléfono a destrución dos humidais de toda unha rexión. Saúdanse co cóbado mentres acaparan millóns de hectáreas dunha antiga colonia. Tallan un bosque desde Londres, e plantan nel palma africana. Furan unha montaña para abrir unha mina. Deslocalizan no Sur industrias distópicas que producen decenas de millóns de porcos e de pitos. Logo botan a culpa da orixe do ébola e do coronavirus aos morcegos e aos pangolines. E miran con horror a esa xente que, vinda de calquera recuncho do mundo, non sabe o que é o civismo.

O AUTOR
Eduardo Romero é membro do colectivo social e editorial Cambalache, fundado en Oviedo no ano 2003. É autor da novela En mar abierto e do relato Naiyiria(2016). Escribiu numerosos libros dedicados á crítica da política migratoria, entre eles: Quen invade a quen. Do colonialismo ao II Plan África (2011), Un desexo apaixonado de traballo máis barato e servicial. Migracións, fronteiras e capitalismo (2010), Ao virar a esquina. Relatos de racismo e represión (2008) e Quen invade a quen. O Plan África e a inmigración (2007).

En 2019 Eduardo Romero publicou a Autobiografía de Manuel Martínez, unha magnífica crónica desa xeración de inadaptados sociais aos que a democracia española só lles deu a elixir entre o cárcere ou o manicomio.

0.22192597389221