Educación completa novas melloras no CEIP As Mercedes tras os danos provocados por unha inundación

LugoXa
A Xunta investiu 90.500 euros nesta fase, que se suma ás actuacións de verán nas que destinou medio millón de euros
melloras-Xunta-CEIP-As-Mercedes-Lugo
20 Nov 2025

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP está a levar a cabo unha nova serie de actuacións de mantemento e acondicionamento no CEIP As Mercedes, en Lugo, ás que destina 90.500 euros.

O delegado territorial, Javier Arias, achegouse ao colexio para comprobar o ritmo destes traballos, que continúan a liña iniciada nas vacacións estivais, cando se renovou a cuberta e se reforzou a estrutura cun investimento que alcanzou os 500.000 euros.

Arias explicou que esta fase se centra na ala esquerda do edificio, onde foi preciso actuar de maneira urxente para reparar os estragos ocasionados pola inundación rexistrada durante as obras do verán pasado, provocada pola rotura dun tubo da calefacción no segundo andar. Tamén se aproveitaron estes labores para corrixir filtracións anteriores á substitución da cuberta.

Nas áreas afectadas interveuse nas tres plantas, renovando a pintura e reparando parte da instalación eléctrica. Ademais, colocáronse falsos teitos e nova iluminación en todas as aulas da ala esquerda —incluídas as de Audición e Linguaxe e varias de Primaria—, así como nos despachos de orientación e dirección, na sala de profesores e no acceso principal do centro.

Na actualidade estase a completar a reposición do chan do despacho de dirección e da sala de profesores, coa que quedará finalizada esta parte das obras. Arias sinalou que a Xunta acelerou os procedementos para poder abordar estas intervencións con rapidez e avanzou que se prevén actuacións similares na outra metade do edificio. Os técnicos da Consellería xa están a elaborar a planificación correspondente.

⚙ Configurar cookies
0.082105875015259