'Educación en feminino' é a exposición que pon en valor o traballo das mulleres educadoras ao longo da historia
A Facultade de Formación do Profesorado acolle a mostra Educación en feminino: un paseo pola historia que fai un percorrido pola historia da educación en feminino a través de 39 pósteres e paneis, nos que o alumnado da materia Historia e Teoría da Educación Escolar recuperan a memoria de episodios singulares no ámbito do ensino e salientan as importantes achegas realizadas por ducias de educadoras e/ou colectivos femininos ao longo dos séculos.
A exposición permanecerá aberta ao público ata 6 de marzo co obxectivo de poñer en valor o labor que as mulleres educadoras viñeron realizando ao longo do tempo, un esforzo individual e colectivo non sempre ben recoñecido, e mesmo ás veces silenciado, subliñaron.
A viaxe pola historia da educación a través de mulleres que ofrece esta mostra faise eco de medio centenar de mulleres que foron ou seguen a ser protagonistas nos procesos de ensino e aprendizaxe. A mostra ofrece ao público o enfoque dun colectivo de estudantes que, no prazo duns poucos anos, están chamados a ser os futuros mestres mestras das escolas de Galicia.
A exposición Educación en feminino: un paseo pola historia rescata para a actualidade traxectorias persoais e colectivas que, xa polo seu legado xa polas súas achegas innovadoras, chamaron a atención dos futuros mestres do alumando galego de ensino
primario. Daquela, os futuros mestres e mestras artífices da sexta edición da mostra retrospectiva, escolleron como referencias as herdanzas recibidas de María Barbeito, Elvira Bao, Ángela Ruiz, Enriqueta Otero, feministas coruñesas do s. XIX, Elisa e Marcela, Antía Cal, orientadoras de Preescolar na casa ou das mestras da montaña lucense.
Outras das referentes ás que rende homenaxe esta exposición son Safo de Lesbos, Aspasia de Mileto, Hipatia de Alexandría, Ellen Key, as irmás Agazzi, Nadezhda Krúpskaya, Emma Goldman, María Montessori, Élise Freinet, Mary McLeod Bethune, Helen Parkhurst, Anália Franco, Gabriela Mistral, as irmás Cossettini, Carmen de Burgos, Rosa Sensat, as educadoras da II República, Gloria Giner, Margarita Comas, Margot Moles, Marta Mata ou Heike Freire.
A exposición é de acceso libre e gratuíto para todo o público interesado, que poderá achegarse e visualizar os contidos recollidos nos distintos paneis en horario de apertura da Facultade de Formación do Profesorado, segundo indicou o profesor Francisco Xosé Candia Durán, que, como titor da materia Historia e Teoría da Educación Escolar, actúa tamén como comisario desta colección de pósters, unha obra colectiva que se cede de xeito gratuíto a calquera entidade, centro ou institución que a desexe expoñer nas súas instalacións.