Educación investirá 1,5 millóns nos institutos Lucus Augusti e Ollos Grandes
A Xunta de Galicia vai acometer a rehabilitación integral dos institutos Lucus Augusti e Nosa Señora dos Ollos Grandes, en Lugo, unhas obras que forman parte do conxunto de actuacións previstas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que contempla un investimento total de 191 millóns de euros para toda Galicia nesta lexislatura.
Así o adiantou este martes o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, con motivo dunha visita ao CIFP Politécnico de Lugo para supervisar as obras de ampliación na que se están investindo 1,2 millóns de euros. Durante a visita, na que estivo acompañado do delegado territorial da Xunta na provincia, Javier Arias, o conselleiro recordou que con estas obras do Politécnico aténdense as necesidades de espazo dos ciclos de carpintería da familia de madeira e moble. O novo edificio proxéctase cunha concepción innovadora e sostible con estrutura e acabados en madeira de orixe local e cunha superficie útil de máis de 700m² alberga tres talleres, dous porches, vestíbulo, departamento de profesores e aseos, así como e local para instalacións.
Durante a súa visita en Lugo, Román Rodríguez avanzou a rehabilitación integral dos institutos Lucus Augusti e Nosa Señora dos Ollos Grandes, por un importe aproximado de 1,5 millóns de euros. Segundo dixo, estes dous centros “van ser dos primeiros da provincia de Lugo cuxas obras se desenvolverán seguindo os parámetros establecidos no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica” que vén de aprobar o Goberno galego.
Á falta de que o proxecto técnico concrete as actuacións específicas, as obras previstas en ambos centros abranguen o illamento térmico e a renovación de carpinterías e luminarias, entre outras.
No caso do Lucus Augusti, Román Rodríguez explicou que as obras se van desenvolver “respectando ao máximo o carácter de patrimonio histórico educativo deste centro cuxa construción data dos anos 40 do século pasado” e que por iso, “precisa dunha renovación profunda do seu sistema de illamento, das súas instalacións e dos espazos educativos acorde ás necesidades académicas de hoxe e, sobre todo do futuro”. Este é precisamente un dos obxectivos que persegue o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, o deseño “dun novo modelo de escolas para o século XXI capaces de afrontar con éxito os retos educativos, sanitarios e tecnolóxicos”, abondou o conselleiro.
Todos os proxectos que se leven a cabo ao abeiro deste plan −sexan rehabilitacións, ampliacións ou novas construcións− seguirán as especificacións nel establecidas e que contemplan unha parte académica (centrada en espazos máis inclusivos e vinculados á transformación dixital coa dotación de polos creativos), unha de infraestruturas (máis amplos, saudables e integrados na contorna e onde se preste especial atención aos patios e zonas comúns) e unha parte de sostibilidade ambiental e enerxética.
PROXECTO XA EN REDACCIÓN
No caso da actuación prevista para o Lucus Augusti, a falta de concluír a redacción final do proxecto de actuación que nestes momentos están elaborando os técnicos, a actuación abrangue a colocación do sistema SATE (de illamento térmico exterior de todo o edificio), o cambio das carpinterías exteriores e a substitución das luminarias existentes por outras tipo LED. A nivel construtivo, o Lucus Augusti ocupa un único edificio de 4.600 m² edificados repartidos en dúas plantas altas e semisoto.
A previsión coa que traballa a Consellería de Educación é poder licitar a obra a finais deste ano para que os traballos se poidan empezar a acometer no verán de 2022 xa que, segundo explicou o conselleiro, ademais da redacción do proxecto, hai uns trámites administrativos preceptivos que cumprir nunha actuación “que vai supoñer un plus de calidade” para o conxunto da comunidade educativa deste instituto.