Educación salienta o traballo que se desenvolve na biblioteca escolar do CEIP Menéndez Pelayo

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou esta semana o Colexio Menéndez Pelayo, en Lugo, que vén de incorporarse este curso ao programa Radio na biblio, no que participan xa 245 centros de ensino. O titular do departamento educativo da Xunta destacou o dinamismo da biblioteca escolar deste centro e felicitou a toda a comunidade educativa por implicarse no desenvolvemento deste espazo. “É evidente que hai un gran traballo para que esta biblioteca forme parte das distintivas iniciativas impulsadas pola Xunta e temos que agradecerllo, fundamentalmente, aos docentes e ao equipo directivo”, afirmou.
Non en balde, ademais da súa participación neste programa, o CEIP Menéndez Pelayo participa no Plan de mellora de bibliotecas escolares e nos clubs de lectura. Tamén en Bibliotecas Escolares Solidarias, que ten como obxectivo principal fomentar e estimular o voluntariado cultural e de lectura a través da biblioteca na contorna do centro.
Radio O Castiñeiro, a mellor do mundo enteiro é a emisora escolar coa que o CEIP Menéndez Pelayo traballa no marco de Radio na biblio. Trátase dun espazo feito polo alumnado no que xa entrevistaron a dúas xogadoras do equipo de baloncesto lucense Durán Maquinaria Ensino. A través desta ferramenta, o centro quere mellorar as competencias lingüísticas dos estudantes, desenvolver a súa creatividade e conectar e favorecer a integración das tecnoloxías da información e a comunicación.