Efrén Castro defende o traballo de modernización do Pazo

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, reiterou a defensa das actuacións que a institución provincial está a desenvolver para mellorar e modernizar o Pazo dos Deportes, onde disputan os seus encontros o Ensino e o Club Baloncesto Breogán.
Castro explicou que, de estudarse a posibilidade dunha ampliación, esta medida presentaría unha complexidade técnica que faría necesaria unha nova instalación. Lembrou que, na reunión celebrada o pasado mes de outubro entre representantes das distintas administracións e o CB Breogán, a Xunta “non estaba na disposición” de abordar esa opción, e afirmou descoñecer se a posición cambiou desde entón.
Pola súa parte, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, indicou que se falou do arranxo do Pazo e de estudar o custo económico e as posibilidades de ampliación das instalacións actuais. Engadiu que todos os participantes coincidiron en que o “urxente tanto a curto como a medio prazo” era centrarse no pavillón existente.
Ante isto, Castro subliñou que “estamos modernizando e executando moitas obras, e temos outras en carteira. Haxa ou non unha nova instalación, nós seguimos a investir”. Porén, advertiu que, no caso de ser necesaria unha ampliación de aforo, “habería que pensar noutra instalación, porque, se non, sería refacer o Pazo e non tería sentido”.
Engadiu que non existe outra infraestrutura na provincia capaz de acoller os partidos do Breogán durante unhas obras desa envergadura, polo que o equipo tería que xogar fóra, “e iso non é unha opción”. O vicepresidente concluíu defendendo que “hai que seguir modernizando o Pazo” e que, de cara ao futuro, “no debate entre afeccionados e cidadanía habería que valorar unha nova instalación”.