Egeria presentou o libro 'Lugopoética 2024', unha homenaxe á poesía luguesa

LugoXa
O proxecto Lugopoética estruturouse en seis sesións nas que participaron, en cada unha delas, un poeta consagrado e un autor ou autora emerxente
presentación-libro-Lugo-poética
15 Mar 2025

O colectivo Egeria presentou o libro Lugopoética 2024, unha publicación que recolle os encontros poéticos celebrados hai uns meses na sede da UNED en Lugo, no marco do proxecto homónimo desenvolvido coa colaboración da Xunta de Galicia.

O acto tivo lugar na Delegación Territorial da Xunta en Lugo e contou coa presenza do secretario xeral da Lingua, Valentín García; o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; a directora da UNED en Lugo, Ana Traseira; e Xulio Xiz, como representante de Egeria e coordinador da iniciativa.

O proxecto Lugopoética estruturouse en seis sesións nas que participaron, en cada unha delas, un poeta consagrado e un autor ou autora emerxente. Estes encontros permitiron contrastar experiencias, perspectivas e estilos, á vez que se deu a coñecer parte da obra de cada participante. Os protagonistas destas xornadas foron: Marica Campo e Eva Teixeiro; Lois Pérez Díaz e Daniel Irimia Yáñez; María Xosé Lamas e Brenda Mondelo; Xosé Otero Canto e Antonio Calvo Varela; Olga Novo e Cristina Soilán; e Baldomero Iglesias Dobarrio e Francisco Javier Neira Pampín.

O libro é unha aproximación á vida e á obra destes doce autores da provincia de Lugo, cunha escolma poética seleccionada por cada un deles para esta actividade cultural.

Con esta iniciativa, Lugopoética 2024 consolídase como un espazo de diálogo interxeracional e de promoción da creación literaria, poñendo en valor a riqueza poética da provincia e fomentando o encontro entre tradición e novas voces da literatura galega.

⚙ Configurar cookies
0.17263102531433