El Boni e El Dotmas Bar, gañadores do Concurso de Tapas de Lugo 2025

LugoXa
O certame pecha cun récord de vendas e destaca pola promoción dos produtos locais e a hostalería da cidade
premios-do-concurso-de-tapas-de-Lugo
12 Dec 2025

Entregáronse os premios do Concurso de Tapas de Lugo 2025 no Vello Cárcere, un evento que se consolidou como unha das citas gastronómicas máis relevantes da cidade. Maite Ferreiro subliñou a importancia deste certame para Lugo, tanto para o turismo como para a hostalería local, e destacou o seu papel na promoción dos produtos locais e no fomento do consumo de Km0.

O concurso deste ano rexistrou máis de 40.000 tapas vendidas, xerando unha facturación superior aos 200.000 euros para os establecementos participantes. Ferreiro tamén valorou a implicación do persoal da APEHL, resaltando que grazas á súa colaboración ano tras ano o certame se converte nun éxito rotundo.

O xurado profesional outorgou o premio ao restaurante El Boni. O panel estaba formado por figuras destacadas do ámbito gastronómico e hoteleiro, entre eles José Antonio Aparicio, presidente do Gremio de Restauradores da Praza Maior e de Hostalería de Madrid; Anabel Costas, vicepresidenta da Asociación de Empresarios de Hostalería e Turismo de Huesca; José Paz Gestoso, director do Centro Superior de Hostalería de Galiza; Constantino Iglesias, director xerente de Servicios Gastronómicos e propietario de Tizar Gourmet en Ourense; e Juan Pozuelo, director técnico da Academia Bocuse d’Or España e asesor gastronómico.

O premio do público recaeu en El Dotmas Bar, recoñecendo así a súa popularidade entre os lucenses e visitantes. O Concurso de Tapas de Lugo continúa consolidándose como unha iniciativa que combina talento culinario, promoción do comercio local e atractivo turístico.

⚙ Configurar cookies
0.081620931625366