O PP de Cervantes pide vestiario axeitado para o SAF
O Partido Popular de Cervantes interésase polo importante labor que realizan a diario as traballadoras do servizo de axuda no fogar do municipio e propón que o Concello lles proporcione o vestiario e o calzado axeitado para o desenvolvemento do seu traballo.
Os populares levarán esta iniciativa ao vindeiro pleno da corporación municipal agardando que o goberno local recolla a proposta en beneficio das profesionais deste servizo. Segundo explica o voceiro, Javier Santín, “o Concello está a subministrar máscaras, guantes e xel hidroalcólico atendendo á normativa sanitaria en materia de prevención da covid-19”; pero, ademais de proporcionarlles este material na medida en que o precisen, “propoñemos que tamén lles proporcione batas e calzado adecuado para desenvolver o seu traballo en condicións de seguridade”.
Santín quere agradecer ás traballadoras do servizo de axuda no fogar básico a atención que prestan diariamente ás persoas maiores do concello nos seus propios domicilios e tamén “o seu esforzo nos momentos complicados deste primeiro ano de pandemia. Merecen todo o noso recoñecemento” igual que tantos outros colectivos que “desenvolven os seus traballos nunhas circunstancias excepcionais”, salienta.