Elena Candia defende que o sector gandeiro precisa que non se aplique "unha lexislación que os prexudica”
Nun acto celebrado este venres con persoas da zona rural os candidatos populares ás vindeiras eleccións autonómicas afirmaron que “ninguén pon en dúbida a necesidade de seguir modernizando o sector primario”, pero recalcan que o precisan que os gandeiros e agricultores é que “non se aplique unha lexislación que os prexudica”.
A cabeza de lista por Lugo e presidenta provincial, Elena Candia, explicou que a moratoria que piden dende o Partido Popular “deberá manterse ata que se teñan claras as consecuencias desta nova lexislación permitindo unha aplicación progresiva e adaptada ás particularidades de cada territorio, tal e como demandou Galicia durante a propia negociación da nova PAC, xunto ao resto das CCAA cantábricas e sempre en consenso coas principais organizacións agrarias galegas”.
Pola súa banda, o número 3 por Ourense e responsable de Medio Rural do Goberno galego, José González, manifestou que xa advertiran cando se empezou a negociar a PAC que “as lexislacións non se adaptaban ao noso territorio, estamos en contra dunha lexislación que impón moitas trabas inaccesibles”. Asegura que xa adiantaron as esixencias burocráticas que acarrearía ao sector, “esixencias medioambientais excesivas e que se traducirían en dificultades para as explotacións galegas”.
Critican a “inacción” do Goberno
Os candidatos populares consideran que o papel do Goberno de Sánchez é decepcionante e que “non é o momento de calar, senón de actuar”. Por este motivo, “deberían liderar as demandas do sector en Europa, deixar de ser un suxeito pasivo e defender ao sector primario”. Con respecto ás cesións xa anunciadas pola CE na aplicación da axenda verde, estas permiten medir todo o tempo perdido, e “o dano causado ao agro, pola inacción do Executivo nesta cuestión”.
José González defendeu o apoio do Partido Popular ao sector primario. “Para nós é unha prioridade como así se demostra coa diferentes axudas e mecanismos existentes para que os emprendedores asenten os seus proxectos na zona rural sendo o seu obxectivo: recuperar a terra, mellorar a estrutura territorial da nosa comunidade e favorecer a rendibilidade das explotacións galegas, demandantes de máis e mellor base territorial”.
González resumía as cifras que avalan os bos resultados dos instrumentos que brinda a Ley de recuperación agraria indicando que “téñennos permitido movilizar desde 2020 máis de 35.000 hectáreas en toda a comunidade galega”. Tamén destacou que a provincia de Lugo conta con cinco aldeas modelo declaradas que “nos están permitindo mobilizar máis de 415 hectáreas – unha máis en fase de recollida – e ata cinco polígonos agroforestais”.