Elena Candia participará en máis dun cento de actos na campaña electoral
A candidata presentou o libro de pasatempos para nenos e nenas que se repartirá en campaña e que está deseñado polo ilustrador lucense Joaquín París e que ten como protagonista as 54 parroquias do municipio así como os 3 Patrimonios da Humanidade.
A candidata do Partido Popular á alcaldía de Lugo, Elena Candia, participará en máis dun cento de actos entre o 12 e o 26 de maio, nunha campaña electoral que ve “decisiva polas grandes bolsas de indecisos que reflicten todas as enquisas publicadas”.
Deste xeito, Elena Candia terá presenza en catro zonas da cidade cada día nun deseño de campaña “que manterá o mesmo espírito construtivo e de proximidade co que levamos traballando dende o minuto un”, segundo indicou a popular. Así, a carpa informativa vai estar instalada en distintos puntos, o que permitirá visitar varias zonas máis dunha vez.
“Este modelo de encontros de ti a ti tamén o levaremos ao rural, no que toda a candidatura distribuirá boletíns informativos elaborados especificamente para cada unha das 54 parroquias”, anunciou a candidata popular, para quen esta medida reflicte “a nosa sensibilidade e compromiso por atender as necesidades particulares de cada parroquia”.
Pasatempos infantís co rural e a cultura como protagonistas
O rural e os tres Patrimonios da Humanidade que ten Lugo son os protagonistas dunha das iniciativas innovadoras desta campaña: un pasatempos infantil dunhas 20 páxinas elaborado polo ilustrador lugués Joaquín París nos que se achega a realidade do municipio aos nenos e as nenas. Da man deste caderno, irán descubrindo o nome das 54 parroquias que deberán atopar completando diferentes xogos, levando un autobús a Lamas, Coeo ou Adai superando un labirinto, ou sopas de letras para formar o nome doutras 10 parroquias que deberán situar no mapa das páxinas centrais,.
As pegatinas para completar os sudokus, deseñadas por Joaquín París son elementos representativos de Lugo como o polbo ou un romano.
Para pechar o caderno de actividades Joaquín París debuxou á candidata do PP cunha invitación a coñecer o patrimonio natural de Lugo.
Rueda, na campaña en Lugo
Por outra banda, a candidata do PP á alcaldía de Lugo estará arroupada polo máximo representante do partido a nivel autonómico. En concreto, o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, participará este venres día 12 no primeiro acto oficial da campaña, ao que acudirán representantes do sector da hostalería, o turismo e a cultura.
Actos xoves día 11
A alcaldable do PP compartirá nas horas previas ao arranque oficial da campaña electoral tres actos que se celebrarán na tarde-noite deste xoves. Así, estará nunha parroquia do municpio, posteriormente, participará nun acto na sede do partido con interventores e apoderados, “o músculo e a forza para que a nosa mensaxe calle na sociedade”; e, finalmente, desenvolverá a tradicional pegada escollendo o barrio da Milagrosa para darlle visibilidade a “un dos puntos polos que queremos comezar a nosa acción de goberno, que se baseará en rexenerar barrios emblemáticos, coma A Milagrosa, o Barrio Feijoo, O Castiñeiro ou O Carme”.