Elisa Vázquez de Gey presenta en Lugo ‘El alma del tango. Ada Falcón, la diva’

O Club de lectura Lugo Patrimonio e a Librería Trama organizan un encontro aberto coa escritora Elisa Vázquez de Gey para afondar no seu libro El alma del tango. Ada Falcón, la diva, publicado por Edicións Almuzara e escrito xunto a Eduardo Alberto Zavala. A cita terá lugar o venres 16 de xaneiro, ás 17:00 horas, nas instalacións da Librería Trama.
A obra propón unha inmersión literaria e documental na vida de Ada Falcón, unha das figuras máis destacadas do tango na Arxentina de comezos do século XX, nun contexto marcado pola expansión deste xénero musical nos teatros, na radio, na industria discográfica e nos primeiros anos do cinema. Nun período moi breve de tempo, Falcón converteuse nunha auténtica estrela, cunha voz que chegou a conquistar mesmo a Carlos Gardel e que soaba nos fogares de todo o país mentres os seus discos se esgotaban e a súa vida persoal ocupaba portadas e páxinas de revistas.
Elegante, carismática e dona dunha forte personalidade, Ada Falcón moveuse con soltura nun mundo dominado por homes, rodeada de luxo, romances e admiración pública. Porén, a súa historia dá un xiro inesperado cando, con tan só 37 anos, a artista desaparece da escena e abandona para sempre os escenarios e a música, deixando tras de si un misterio que perduraría durante décadas.
Medio século máis tarde, un historiador arxentino e unha produtora española seguen a súa pegada ata atopala nun lugar afastado e discreto. Alí, a diva esquecida rompe o silencio e revela unha historia marcada pola paixón, a traizón, a fe e a música, elementos que se entrelazan coa intensidade dun tango eterno. O libro reconstrúe esa viaxe vital e emocional, ofrecendo o retrato íntimo dunha muller excepcional que escolleu reinventarse lonxe da fama.