Elsa Martínez presenta 'Miradas. Mulleres na arte' no Pazo de San Marcos de Lugo

A pintora e docente Elsa Martínez presentou este venres no Pazo de San Marcos a publicación 'Miradas. Mulleres na arte', un volume que documenta o proxecto artístico que percorreu diversos espazos expositivos de Galicia ao longo do último ano.
A obra recolle retratos de 43 mulleres artistas de distintas disciplinas —pintoras, escultoras, escritoras e actrices— correspondentes aos séculos XVI ao XX, e foi editada co apoio da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que colaborou na súa publicación.
Entre as creadoras representadas figuran figuras galegas como Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán ou Maruxa Mallo, así como artistas internacionais como Marie Louise Élisabeth Vigée Lebrun, Camille Claudel, Daphne du Maurier, Leonora Carrington, Gerda Wegener, Frida Kahlo, Pier Angeli ou Virginia Woolf.
“A realización deste proxecto xurdiu coa idea de poñer en valor o traballo e talento das mulleres artistas que quedaron invisibilizadas ao longo da historia, polos límites e imposicións dunha sociedade androcéntrica. A presenza das mulleres na cultura é fundamental para que esta sexa diversa e reflicta os diferentes puntos de vista da realidade na que vivimos”, explicou a autora.
A deputada Iria Castro reafirmou o compromiso da Vicepresidencia da Deputación de Lugo coa visibilización da creación artística feminina, tanto na actividade dos museos provinciais como nas programacións culturais.
“A memoria cultural constrúese colectivamente, e tamén desde as institucións. Coidar a presenza das mulleres nos libros, nas programacións culturais, nos museos e nas escolas é apostar por unha historia da arte máis xusta e completa. Só así seremos quen de recoñecer e valorar a riqueza creativa que tantas veces quedou fóra do cadro”, destacou.