Elvira Fernández, da APCA: "Ao ser humano hai que darlle oportunidades, apoios e ferramentas"

LugoXa
Elvira Paloma Fernández Domínguez, presidenta da Asociación Penitenciaria Concepción Arenal, pon en valor o traballo que se realiza con persoas en risco de exclusión social en Lugo
Asociación-Penitenciaria-Concepción-Arenal-Lugo
27 Apr 2025

Jessica Fernández

Cal foi a orixe da Asociación Penitenciaria Concepción Arenal?

A Asociación naceu porque as antigas CAS, Comisións de Asistencia Social provinciais, que se encargaban da atención aos liberados condicionais unha vez saídos da prisión, deixaron de xestionalos a finais dos 80. A Asociación naceu en 1989 como resposta a esa necesidade, para axudar a estas persoas a atopar traballo e a outras cuestións. Co tempo, ampliouse o perfil de usuario, atendendo tamén a xente en risco de exclusión social. De feito, hoxe en día trabállase con internos de centros penitenciarios, con familias, con mulleres en risco de exclusión ou vítimas de violencia de xénero... É dicir, trabállase con todas aquelas persoas que se achegan á asociación cunha necesidade e, ou ben se derivan a outro recurso externo, xa sexa do Concello ou doutro tipo de asociación que poida ofrecerlles o que precisan, ou se lles asesora a nivel de asistencia social e psicolóxica. En xeral, faise un traballo de atención psicosocial e, en certos programas, tamén hai un avogado para ofrecerlles asesoramento xurídico. Quero destacar o traballo de Marina Cillero, que foi presidenta durante moitos anos, de Juan Manuel Moreno, que foi vicepresidente e o motor da Asociación, e de Paula Alvarellos, que foi a miña predecesora como presidenta e que deu o impulso que a Asociación precisaba.

Como foi a evolución da Asociación desde os seus inicios ata hoxe?

A asociación evolucionou moito, xa que pasou de ser un recurso de atención a realizar programas, xornadas e, sobre todo, a ampliar o seu labor. As xornadas comezaron no 86, antes de que a asociación se formalizase no 89. Ao principio, a actividade estaba dirixida principalmente ás xornadas e á atención das persoas que saían e pasaban polo CAS, que se converteu no Servizo de Xestión e Penas Alternativas, pero co paso do tempo evolucionou ao mesmo ritmo que a institución penitenciaria e a sociedade. O Estado agora presta máis atención ás necesidades do terceiro sector, e moitas das coberturas que debería dar a Administración pública están a ser atendidas por ONGs. Nesta área, a nosa asociación ampliou o seu catálogo de servizos. Pasamos de realizar só as xornadas e de axudar a alguén que se achegaba á asociación, a ter dous ou tres programas dentro das prisións. Polo tanto, necesítase máis axuda.

Que importancia ten esta asociación na cidade?

A asociación é necesaria, sobre todo, porque hai que achegar a sociedade ao entorno da reinserción. Os internos van saír en liberdade si ou si, porque non existe a condena perpetua e teñen que reintegrarse á sociedade. Desde as prisións trabállase para que estas persoas saian mellor de como entraron, para atender as súas carencias, para traballar sobre o delito cometido, para mellorar a nivel formativo e laboral... Esa reintegración require do apoio da sociedade. Se a sociedade non lles deixa volver a incorporarse ao tecido laboral ou aos recursos sociais e sanitarios da Administración, a nosa labor non ten sentido. As persoas nas prisións reciben cursos de formación co obxectivo de que poidan encontrar traballo no exterior ou recuperar a súa actividade laboral. Todo isto require dunha actitude aperturista por parte da sociedade e, sobre todo, que coñezan o que se fai dentro para que o valoren e comprendan que isto forma parte das obrigas de todos como cidadáns. Estamos nun Estado social e democrático de dereito e, de algunha maneira, todos debemos axudar a que as persoas do noso entorno poidan participar en igualdade de condicións.

Fálenos do traballo que se realiza desde a asociación.

A asociación traballa con persoas en risco de exclusión social, con internos e con familias de internos que teñen necesidades económicas. Habitualmente traballamos con tres programas: un de Igualdade, que subvenciona a Xunta de Galicia, dirixido a mulleres para ofrecerlles atención psicosocial e xurídica; outro, o RIL, que subvenciona a Deputación, e que este ano estamos intentando que se nos conceda de novo, xa que non se nos aprobou a nominativa para 2024 e 2025. Este último é un dos máis importantes, xa que ten que ver coa reinserción laboral e vai dirixido a aquelas persoas que precisan incorporarse ao mercado laboral. Este programa axúdalles a buscar formación nos recursos que ofrece a Administración pública, co obxectivo de que poidan acceder ao mercado laboral. Tamén se realizan traballos dentro das prisións, como programas de prevención de recaídas e talleres de parentalidade para internos que son pais e teñen que aprender o seu rol na unidade familiar. Ademais, hai unha subvención do Concello para as xornadas penitenciarias, que tamén apoia a atención psicosocial na asociación.

Que persoas forman parte do voso equipo de traballo?

Contamos cunha psicóloga, cunha traballadora social e cun avogado que nos presta servizo para a parte xurídica en determinadas asociacións, ademais dalgún voluntario que tamén é avogado. Non temos unha bolsa de voluntarios moi ampla, pero con eles facemos talleres en centros penitenciarios, como en Monterroso, a nivel de lectoescritura, debuxo e pintura... Son actividades máis ocupacionais, pero que teñen un labor moi bonita e reintegrador, xa que son completamente voluntarias.

Por que é fundamental apostar pola reinserción?

Vivimos nun Estado democrático de dereito, onde a pena de morte foi abolida hai moitos anos. Temos un dos sistemas penitenciarios máis garantistas de Europa. Moitos vén a ver os programas que facemos, a ver como traballamos, e todo isto ten que traducirse en traballo en rede. É un traballo de motivación cos internos e de concienciación coa sociedade, e por iso as xornadas teñen tamén un enfoque divulgativo e de concienciación social, para que a sociedade se implique na problemática social que nos afecta a todos. A min persoalmente paréceme que ao ser humano hai que darlle oportunidades, apoios e ferramentas para que se saiba manexar no futuro, e isto parte da base da educación: todo isto sen educación e sen valores non funciona. Os nosos menores deben estar ben educados, saber xestionar as súas emocións e aprender a resolver os seus problemas, o que os fará boas persoas.

As xornadas penitenciarias, en que consisten?
As xornadas son un evento que ten como obxectivo non só tratar un tema de actualidade, senón tamén concienciar. A maioría das veces, buscamos temas que estean relacionados co ámbito penitenciario, xurídico e social, sobre todo co ámbito social, educativo e pedagóxico, e tamén con modificacións de normativas legais que poidan afectar á sociedade. Nos últimos anos, as xornadas están dirixidas sobre todo á concienciación sobre problemáticas sociais que tamén afectan ao ámbito penitenciario, como a maternidade, a violencia de xénero, e outras cuestións que afectan aos pais, ás nais e á sociedade en xeral.

A APCA ten necesidades?

Non traballamos con fondos privados, facemos concertos solidarios para recadar fondos ou organizamos comidas solidarias. Consideramos que a xente xa ten as súas formas de facer donativos se queren, pero tamén recibimos algunhas subvencións. Con todo, non chega para cubrir todas as nosas actividades. Hai dúas persoas contratadas na asociación, pero o resto da directiva non cobra, e moita da xente que participa na asociación faino de forma altruísta. Somos unha asociación moi humilde e traballamos para recibir un salario, pero ás veces é moi difícil atraer xente cando non podemos ofrecerlle seguridade. Iso tamén fai que non podamos emprender novos proxectos por falta de infraestrutura e apoio económico.

Cal é o plan de futuro da asociación?

Gustaríanos ter máis seguridade económica para asegurar a continuidade das actividades que realizamos. A nosa prioridade sería vivir de forma máis acomodada e poder garantir as actividades que facemos. Este ano hai un cambio importante no ámbito penitenciario, xa que os internos que saían en liberdade podían optar ao paro ou ao subsidio de excarceración, pero agora desapareceu por unha nova normativa interna. Isto dificulta moito o proceso para eles e tamén para nós, xa que moitas veces temos que atender a máis persoas, aínda que só sexa para orientalas nos trámites que deben facer.

⚙ Configurar cookies
0.077079772949219