Empresarias e emprendedoras de Lugo participan nun almorzoworking no CEI Nodus
A Deputada de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, participou este mércores no almorzoworking celebrado no CEI Nodus de Lugo dentro do programa Feminino rural. Evolución. Esta iniciativa, financiada integramente pola Deputación
de Lugo cunha achega de 40.000€ e executada pola Asociación de Empresarias de Lugo (AELU), está dirixida a mulleres empresarias e emprendedoras do rural da provincia para mellorar ou lanzar os seus negocios.
“Trátase dunha proposta que busca a creación de emprego, especialmente o xuvenil e o feminino, unha das nosas apostas, porque é un factor imprescindible para que haxa actividade económica e para fixar poboación no territorio”, explicou a Deputada. Unha vez rematada esta fase realizarase unha selección de 35 empresarias e emprendedoras, cinco por cada comarca da provincia, que recibirán unha formación e un asesoramento personalizados dirixidos a mellorar o funcionamento, gañar competitividade e abrir novos mercados no caso das empresarias que teñan os negocios en marcha, e para constituír e arrancar a empresa no caso das emprendedoras participantes.