Encarna Lago, da Rede Museística: “O acceso á cultura é un dereito universal: ninguén pode quedar excluído”

Jessica Fernández
Quen é, para quen non a coñeza, Encarna Lago?
Son unha galega nacida en Barcelona hai case 63 anos, filla de migrantes. Miña nai era da Fonsagrada e meu pai das Nogais; coñecéronse e namoraron en Barcelona, onde nacín eu e meu irmán. A conexión con Galicia foi constante, xa que fun e vin con frecuencia. Aos 16 anos, a miña familia asentouse en Pedrafita do Cebreiro.
Desde o punto de vista profesional, son funcionaria e servidora pública cunha traxectoria de case corenta anos no ámbito dos museos. En 1999 asumín a xestión do Museo Provincial de Lugo e da Fortaleza de San Paio de Narla, coincidindo co cambio de século, imprimindo unha liña de transformación cara ao modelo de museo social, sempre poñendo ás persoas no centro. Antes, ocupárame da coordinación do traballo didáctico. En 2004 asumimos a xestión do Museo Provincial do Mar, e en 2006 a do Pazo de Tor, ano no que solicitamos á Deputación a creación da Rede Museística Provincial de Lugo (RMPL). Desde os catro museos da Rede, traballamos incansablemente para promover o cumprimento dos dereitos culturais, garantindo o acceso universal, a igualdade de oportunidades e a sustentabilidade como piares fundamentais.
Como nace a súa paixón pola cultura e polos museos?
A miña paixón pola cultura xurdiu da miña curiosidade innata por entender e explorar o mundo que me rodea. De pequena, a Biblioteca Nacional de Catalunya foi o meu refuxio, un lugar onde a imaxinación e o coñecemento camiñaban da man. A literatura alimentaba os meus soños, e a música, o ballet e a danza tamén tiveron un papel destacado na miña vida ata os doce anos; mesmo participei en campionatos de ximnasia rítmica.
O meu achegamento aos museos veu grazas ao meu tío Valentín, que cada fin de semana me levaba a Montjuïc e despois a visitar diferentes museos. Para unha nena curiosa, os museos convertéronse nun lugar de aventuras, aprendizaxe e diversión sen límites.
Que é, en esencia, un museo?
Un museo non é un contedor de obxectos; é un espazo vivo onde habitan as experiencias humanas, cargado de memoria, raíces, vínculos e historias de vida. É tamén un lugar que custodia fontes primarias de coñecemento, comprometido coa investigación, a conservación, a difusión e a educación. Os museos deben ser espazos inclusivos e accesibles, sempre ao servizo de todas as persoas. O acceso á cultura é un dereito universal: ninguén pode quedar excluído nos museos.
Como xorde a Rede Museística Provincial de Lugo?
Antes de nada, convén aclarar que a Rede Museística Provincial está composta por catro museos: o Museo Provincial de Lugo, San Paio de Narla, o Pazo de Tor e o Museo Provincial do Mar. Fago esta aclaración porque habitualmente sepáranse o Museo Provincial dos outros tres, pero a RMPL somos os catro.
A RMPL naceu en 2006 por iniciativa dun grupo de funcionarios/as que solicitamos á Deputación a súa creación, co obxectivo de implementar un modelo de xestión máis sostible, económica e socialmente. A Rede configúrase como un nexo de unión entre os catro museos, fomentando o traballo conxunto, unificando criterios, compartindo perspectivas e establecendo obxectivos comúns. Garante, ademais, o cumprimento das funcións definidas por ICOM, para ser museos sen a RMPl tres dos museos non serían museos.

Cales son os proxectos destacados da Rede?
Ao longo dos 18 anos de existencia da RMPL, desenvolvemos numerosos programas educativos e culturais. Destacan o Plan Integral Educativo dos catro museos, que inclúe xornadas, congresos e actividades para todos os públicos, así como programas específicos para maiores, familias e clubs (Pequeamigxs, Ei!, Senior).
Tamén levamos a cabo plans como o de Museoloxía Social, Igualdade, Accesibilidade e Culturas en Diálogo. Destaca especialmente o programa de exposicións e residencias artísticas nos catro museos, con máis de 2.000 mostras realizadas. Subliñamos o noso firme apoio á artistas lucenses e galegos/as, exposición, adquisición de obras, a publicación de catálogos e o apoio constante á creación local.
Desde 2018, apostamos por proxectos de investigación educativa e novas narrativas, centrados en recoñecer, representar e redistribuír historias soterradas. Traballando intensamente a interseccionalidade das desigualdades. Estas liñas materializáronse en novos proxectos museolóxicos e museográficos en Narla, Tor e o Museo do Mar. Ademais, estamos especialmente ilusionadas coa creación do futuro Museo da Migración en formato dixital, un dos proxectos importantes para este 2025.
Como responde a sociedade lucense ás propostas culturais?
A sociedade lucense responde de forma positiva cando as propostas son accesibles e relevantes. Como museos de comunidade, traballamos para ofrecer programación inclusiva e adaptada, creando vínculos de confianza e facendo que ninguén quede excluído. Apostamos polo patrimonio humano, xerando orgullo de pertenza e reforzando a identidade cultural da comunidade.
Hai pouco recibiu a Medalla de Ouro de Belas Artes. Que significou para vostede?
Foi unha honra inmensa e un recoñecemento que considero colectivo, enchéndome de orgullo que, a través desta medalla, se visibilice o que acontece en Lugo. Este galardón destaca o esforzo compartido por construír museos vivos, comprometidos coa sociedade e coa inclusión. Ao longo destes anos, recibimos quince premios e recoñecementos que subliñan, unha e outra vez, a importancia do noso traballo coa comunidade traballando xuntos pola accesibilidade e a igualdade.
Cales son os retos de futuro para a Rede?
Seguiremos atentas ás necesidades da nosa comunidade, combinando unha visión local e global para impulsar proxectos frescos e innovadores que melloren o benestar social. Apostamos por un traballo sostido no tempo, mantendo a cultura como un dereito universal e accesible para todos/as.