Encarna Lago vén de ser nomeada membro ordinario do Comité Internacional para a Museoloxía Social

A xerente da Rede Museística Provincial de Lugo, Encarna Lago, foi nomeada membro ordinario do Comité Internacional para a Museoloxía Social (CIMS) do ICOM, un foro internacional que reúne responsables de museos de Europa e América. A súa incorporación, a proposta da xunta directiva do Comité, será válida para o período 2025-2027.
Este recoñecemento internacional chega como unha nova validación do traballo realizado polos museos de Lugo para achegar a museoloxía á comunidade local e ao territorio no que se atopan.
Encarna Lago, ao unirse ao CIMS, participará activamente na reflexión global sobre a museoloxía social, un ámbito que busca recuperar a memoria de grupos sociais historicamente relegados ou discriminados. A súa participación na organización tamén permitirá visibilizar o modelo de traballo que desenvolve a Rede Museística Provincial no campo da integración social a través dos museos.
Lago expresou a súa satisfacción e responsabilidade diante desta oportunidade: “Este nomeamento permite continuar visibilizando o traballo da Rede Museística de Lugo, ao tempo que me permite asumir a responsabilidade de colaborar con profesionais de todo o mundo na promoción dunha museoloxía social que defenda os Dereitos Humanos fronte ás ameazas que os poñen en risco.”
O Comité Internacional para a Museoloxía Social é un dos 34 comités internacionais que forma parte do ICOM (Consello Internacional de Museos), unha organización que agrupa museos de 129 países. Este comité, creado en 2023, funciona como un centro global para o debate e o intercambio de experiencias e investigacións en torno á museoloxía social. Está composto por 65 membros ordinarios, procedentes de países como España, Portugal, Francia, Italia, Estados Unidos, Cuba, México, Perú, Chile, Colombia, Brasil, Arxentina, Bolivia, Ecuador e República Dominicana.
A última conferencia internacional do Comité, celebrada en febreiro en Lisboa, subliñou a necesidade de “repensar o papel dos museos na sociedade contemporánea” e de asumir a súa “responsabilidade social” diante das crecientes ameazas aos Dereitos Humanos. A incorporación de Encarna Lago ao Comité representa un paso importante para a Rede Museística Provincial de Lugo, que continúa consolidándose como un referente na museoloxía social.