Encontro entre a selección española de rugby e as escolas lucenses

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
As xogadoras da selección española de rugby,tiveron un encontro coas escolas e equipos de base do rugby lucense
Rugby portada
20 Xul 2022

As xogadoras da selección española de rugby, que se concentran esta semana en Lugo co Muralla RC como anfitrión, tiveron un encontro coas escolas e equipos de base do rugby lucense ó que asistiu o deputado de deportes Efrén Castro.

Rapaces e rapazas de Muralla RC, Capóns de Vilalba, Asterix de Viveiro e Fendetestas das Pontes seguiron o adestramento das “leoas”, que se preparan en Lugo para unha xira en Sudáfrica, e puideron saudalas, conversar con elas e facer fotos. Este adestramento aberto encádrase no traballo de promoción do rugby que ven desenvolvendo o Muralla RC a través da iniciativa Rugby no rural, que conta o apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e que contribuíu a revitalizar a tradición do rugby en Viveiro da man de Asterix e fixo agromar o interese por este deporte en Vilalba, coa creación de Capóns.

O deputado de Deportes Efrén Castro valorou “a presenza do equipo español en Lugo como unha oportunidade para dar a coñecer a cidade e os pasos adiante que se están a dar no rugby lucense, especialmente no traballo coa base” e tamén subliñou “a importancia de que este achegamento da base ao rugby de elite se faga a través de equipos femininos”

A selección de España de rugby feminino, campioa de Europa en nove ocasións, ten nas súas filas á galega Mónica Castelo e a Judith Hernández, xogadora canaria que fixo parte da súas carreira no Muralla RC (2012-2018) e que compite agora co CRAT Coruña.

0.20295691490173