Enfermaría lanza unha campaña de sensibilización e prevención de cancro de mama entre a comunidade universitaria
A sensibilización e a prevención do cancro de mama entre a poboación universitaria do Campus de Lugo centra a iniciativa posta en marcha pola estudante de último curso do grao en Enfermaría María García Fernández, baixo a titoría da enfermeira e docente no centro universitario lugués Inés Rivas Fernández, co obxectivo de “contribuír, na medida do posible, a salvar vidas”.
O cancro de mama é unha das tipoloxías de canco máis común e con maior incidencia, segundo indican as promotoras desta campaña, “unha acción sinxela, pero se cabe máis necesaria que nunca pola crecente incidencia que está a experimentar esta patoloxía oncolóxica nos últimos anos”.
Fronte a unha realidade crítica, que en España se traduciu en 2022 no diagnóstico de preto de 35.000 nocos casos, Rivas e García entenden que a información é a prevención son ferramentas axeitadas para frear a progresión do cancro de mama, unha doenza que, segundo os datos publicados pola Rede Española de Rexistros de Cancro (Redecan) e a Sociedade Española de Oncoloxía Médica (SEOM), representou o pasado ano o 28,9% do total dos cancros diagnosticados en mulleres, ademais de ser o máis letal.
Baixo o lema A detección a tempo salva vidas, García e Rivas achegan á poboación feminina da comunidade universitaria luguesa un cuestionario , a través do que pretenden recabar información anónima, pero de máximo interese, respecto do nivel de coñecemento que teñen as mulleres (estudantes, docentes, investigaoras...) do Campus de Lugo das medidas de prevención do cancro de mama, así como sobre algúns factores de risco para padecer dita enfermidade.
Coñecer e divulgar potenciais medidas de educación sanitaria para mellorar a prevención primaria e secundaria desta enfermidades constitúen outra das pretensións do estudo liderado por María García Fernández, quen é boa coñecedora de que as estratexias de prevención secundaria e os avances sanitarios aplicados a diagnosee tratamento da enfermidade garanten unha prevalencia elevada fronte a tal doenza.