Engádese unha visita á Cloaca Romana no itinerario da Sala de Exposicións Porta Miñá

LugoXa
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que se vén de integrar a visita á Cloaca Romana dentro do itinerario da Sala de Exposicións Porta Miñá.
visita á Cloaca Romana na Sala de Exposicións Porta Miñá Lugo
5 Maio 2024

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que se vén de integrar a visita á Cloaca Romana dentro do itinerario da Sala de Exposicións Porta Miñá. Ferreiro afirmou que "con este novo traxecto, as persoas que visiten esta sala desfrutarán de maior contido, entrando nos restos da única cloaca romana visitable en toda Galiza".

O novo percorrido da Sala Porta Miñá deixará a sala de exposicións a través da saída posterior, ubicando ás e aos visitantes no patio, onde se poderá desfrutar dunha vista privilexiada dunha das moitas mostras de arte urbano da cidade como é o mural da Castrexa "Copora". Despois, poderase entrar á cloaca e facer a visita por esta nova instalación.

Maite Ferreiro afirmou que "con esta iniciativa melloramos a visibilidade da Cloaca Romana e aumentamos a calidade das visitas á sala Porta Miñá, dando un maior contido histórico e patrimonial ás e aos visitantes". A concelleira de Cultura animou a toda a veciñanza "a visitar Porta Miñá e o resto de salas museísticas da cidade para coñecer a historia de Lugo".

Sala de Exposicións Porta Miñá

Sita nun antigo matadoiro rehabilitado para tal fin e situada fronte á porta da Muralla que lle dá nome, esta Sala de Exposicións acolle na actualidade unha mostra permanente sobre o Lugo Romano.

A través dun dilatado percorrido histórico organizado en catro bloques diferenciados: orixes, esplendor, fortificación da cidade e o seu ocaso; os visitantes desta sala de exposicións poderán coñecer en profundidade este período da historia da cidade que abrangue desde as orixes de Lucus Augusti no século I a. C ata o seu declive a finais do século V d.C.

En toda a exposición úsanse como recurso expositivo unha serie de elementos gráficos que dan conta dos principais aspectos da antiga cidade romana, que acompañan a unha colección única e moi ampla de obxectos significativos da vida do día a día no Lugo Romano.

0.13079786300659