EnRedando co Galego clausura a súa edición de 2025 coa participación de 400 estudantes de Lugo

A edición deste ano de EnRedando co Galego, organizada pola área de Cultura e a AELG, concluíu coa participación de preto de 400 estudantes de distintos institutos de Lugo. O tenente alcalde, Rubén Arroxo, explicou que o programa busca “promover o uso do galego entre a mocidade e incentivar a creación literaria e artística a través da lingua”.
Durante a xornada de clausura, presentada por Lois Pérez, as rapazas e rapaces puideron gozar dunha actuación musical de Mondra, un dos artistas máis relevantes do panorama galego actual. Ademais, o alumnado realizou un intercambio de experiencias, recibiu agasallos pola súa participación e participou no sorteo de material electrónico e lotes de libros.
Durante 21 días, os estudantes tiveron a oportunidade de elixir entre dúas experiencias: unha inmersión lingüística, compartindo nas redes sociais as súas reflexións, ou unha experiencia de creación literaria e artística, na que elaboraron obras en galego en formato escrito e dixital, enviadas posteriormente á Escola de Escritoras e Escritores da AELG.
As participantes na modalidade de creación literaria mantiveron un encontro co Premio Nacional de Literatura Xesús Fraga e coa poeta Yolanda Castaño, recoñecida tanto a nivel galego como estatal.
Rubén Arroxo subliñou a relevancia de EnRedando co Galego como “un punto de encontro para que o estudantado de Lugo poida intercambiar opinións, establecer novos lazos e coñecer persoas con inquedanzas similares, ao mesmo tempo que melloran a súa competencia en galego e levan a nosa lingua a lugares nos que moitos rapaces e rapazas non contaron con ela”.