Enrique Rozas deixa a Corporación municipal por motivos persoais
O Partido Popular de Lugo comunicou a renuncia á acta de concelleiro presentada polo edil popular Enrique Rozas López por motivos persoais e familiares.
"En primeiro lugar, queremos agradecer todo o traballo realizado durante este período a este compañeiro en prol da mellora de Lugo e da calidade de vida dos seus veciños", explicaron.
Engadiron que a entrega de Enrique Rozas foi total e que sempre foi quen de atender de forma próxima e desinteresada a todos os veciños que requiriron da súa axuda no labor municipal. "É por iso que poñemos en valor a enorme xenerosidade que amosa ao dar este paso que unicamente responde á necesidade de estar ao carón da súa familia e ante as dificultades que afronta para exercer os labores de concelleiro como considera que merece o cargo, deixando patente que o máis importante é a defensa do noso municipio, as súas parroquias e os seus veciños", afirman.
Deste xeito, a súa renuncia será oficial no pleno ordinario do mes de xullo.
Esta renuncia só afecta á súa acta de edil xa que continuará nas responsabilidades que ten asignadas na estrutura do partido
No seu lugar tomará posesión o seguinte integrante da lista electoral, Damián Carballo.