Entra en funcionamento o novo parque infantil na rúa Gallego Tato, na Piringalla
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, acompañada polo edil de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, supervisou a entrada en funcionamento do novo parque infantil situado na rúa Gallego Tato, no corazón do barrio da Piringalla. Esta instalación foi sometida ao longo das últimas semanas a unha renovación integral que responde ao compromiso do Goberno Local coa creación de espazos seguros e de lecer para o desenvolvemento das crianzas nos barrios da cidade.
“Con esta nova zona de xogos avanzamos na modernización deste tipo de instalacións por toda a cidade cuxa importancia, máis aló de ser espazos para a convivencia e que melloran a calidade de vida das zonas residenciais, radica na súa capacidade para proporcionar oportunidades para o desenvolvemento cognitivo e físico dos nosos nenos e nenas”, sinalou a rexedora.
Os elementos que conforma esta nova área recreativa situada na zona norte da cidade seguen a liña marcada polo Executivo de Paula Alvarellos en canto aos materiais empregados. Deste xeito, conta cos selos ‘Made Green’: produtos feitos a base de materiais reciclados post- consumo (como residuos recuperados do océano, téxtiles usados, envases alimentarios, etc.) e ‘ Born Green’, que obteñen aqueles produtos feitos do propio material de construción da natureza como a madeira, procedente de silvicultura sostible e, por tanto, pouco contaminantes.
Igualmente, todo o parque dispón dun pavimento de caucho continuo, con revestimento decorativo, respectuoso co medio ambiente e con propiedades antiescorregadizas e outras características técnicas que garanten unha longa durabilidade e boa resposta ao uso á intemperie. Esta nova zona infantil da Piringalla, que contou cun investimento de preto de 90.000 euros, está dotada con xogos como o supernova, con gran éxito en Campo Castelo, un carrusel con banco ou un xogo múltiple con tres torres con trepa e ponte. Neste sentido, o edil de Transición Ecolóxica fixo fincapé na potencialidade lúdica contrastada dos equipamentos elixidos.
“Contamos cunha importante experiencia técnica dentro do persoal municipal que ten a capacidade para conxugar a seguridade dos elementos empregados, a súa naturaleza sostible e a súa capacidade lúdica ao tempo que todo ese conxunto intégrase de forma excelente na paisaxe urbana”, concluíu Fernández.