Entra en funcionamento o renovado canil de Frigsa, en Lugo
O canil de Frigsa é xa unha nova zona de esparexemento para as mascotas, na que se renovaron todas as instalacións e servizos, cumprindo así cunha das peticións da veciñanza do barrio. Unha importante reforma integral deste recinto, de case 1.200 metros cadrados, permitiu a instalación dun circuíto agility, composto de balancín, slálom e túnel para o lecer e adestramento dos animais, con zona de lavado e peiteado para mascotas.
Ademais, a nova área de mascotas posta en marcha polo Executivo de Paula Alvarellos disporá de pérgola cuberta, novo mobiliario urbano e pavimento brando para as zonas de xogo, que alternará con céspede. De feito, no proxecto de remodelación integral deste canil foi necesario reparar as depresións do terreo, renovar o sistema de rega e drenaxe, e facer un estudio do estado das árbores da zona, para saber cales manter. Esta importante actuación, levada a cabo pola área de Transición Ecolóxica, supuxo un investimento de case 96.000 euros que deron como resultado unha infraestrutura totalmente renovada no canil do parque da Milagrosa.
O principal obxectivo do Concello de Lugo foi cumprir coas solicitudes da veciñanza ao tempo que se dotaba dun área de esparexemento e convivencia para as mascotas e os seus donos cómoda, segura e respectuosa co resto da contorna. Por iso, se empregaron materiais naturais en todo momento e se dotou ao canil do equipamento necesario e de diferentes áreas, unha delas cunha estrutura de cuberta tipo pérgola, que protexa da intemperie e favoreza a socialización en condicións de confort.
Ademais de zona de lavado e peiteado, o canil conta con bebedoiros sen retención e contedores de residuos orgánicos. Pola súa banda, a zona de lavado das mascotas dispón de bañeira, mesas, dispensador de luvas e bolsas refugables, e incluso dunha superficie pétrea para evitar que, unha vez lavados, os cans volvan ensuciarse e facilitar a limpeza e desinfección por parte dos servizos municipais.
O concelleiro de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, explicou que “para que o deseño do novo recinto fose respectuoso coa contorna e os animais, no proxecto primou o uso de materiais naturais co obxectivo de facelo cómodo, seguro e atractivo”. Ademais, as obras para a renovación do canil, esixiron a reparación das depresións do terreo e as eivas que presentaba o céspede, polo que despois “se aproveitou o movemento de terras para colocar un novo sistema de rega e drenaxe que tamén contribuirá á mellora da zona”.
No deseño do renovado canil tamén se tiveron en conta outros factores como a seguridade, tanto dos donos como das mascotas. De feito, tamén se instalou nova iluminación e dobre porta de acceso de peche automático mediante resorte hidráulico, ademais de bancos cubertos na parte inferior para evitar que as mascotas poidan lesionarse. O cerramento do canil é vexetal con malla tipo hércules, que pecha o terreo, que alterna o xabre compactado con outras zonas de céspede e pavimento brando nas área de adestramento.