Entre indecisos e insubmisos

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
De Foliada en Reigada, unha lembranza da provincia e da vinculación das súas xentes coa cultura e coa tradición.
Moncho paz
11 Maio 2022

Por Moncho Paz

Elixir entre o malo e o menos malo. Esa foi a gran responsabilidade dos indecisos e dos insubmisos que se achegaron polas urnas o pasado 24 de abril en Francia, onde reinaba a máxima preocupación ante o avance da ultradereita; moita máis ca nas eleccións de hai vinte anos, cando a primeira rolda dos comicios supuxo unha sorpresa para moitos analistas políticos, que agardaban unha segunda volta entre Jacques Chirac e Lionel Jospin. Outros observadores xa apuntaran a posibilidade de que o socialista Jospin quedase apeado tras a primeira votación, dada a igualdade entre os principais candidatos e o alto grao de indecisos. A pobre imaxe que proxectara na súa campaña, xunto á dispersión do voto na esquerda cun gran número de candidatos, fixo posible que Jean-Marie Le Pen fora quen de enfrontarse a Chirac na batalla final. O proceso electoral recibiu daquela o cuestionamento xeral polo sistema de dobre volta (ballottage) e tamén levantou moita preocupación debido á apatía e ao xeito no que a esquerda experimentou unha fragmentación antes descoñecida.

Nesta ocasión, a división da dereita radical populista non impediu a Marine Le Pen pasar á segunda etapa das eleccións presidenciais para rivalizar co actual presidente Enmanuelle Macron, con fama de arrogante e afastado dos problemas da rúa, nun proceso que contou coa maior abstención do último medio século. Como afirma o profesor Fermín Galindo, “asistimos a un enfrontamento entre a Patria (Le Pen) e a República (Macron)”. Finalmente, o candidato-presidente das mil caras ocupará o Elíseo cinco anos máis e terá que xestionar un país dividido e fondamente descontento cos seus líderes políticos. Aínda que Le Pen conseguiu o seu mellor resultado, funcionou a mobilización do chamado “escudo republicano”, que sae votar só para evitar que gañe.

Non deixa de ser preocupante o escenario actual europeo, pois a comezos de abril contemplamos a rotunda vitoria do primeiro ministro de Hungría -o ultraconservador Orbán- nas parlamentarias do país maxiar, por cuarta vez consecutiva, a pesar da unión de practicamente toda a oposición. E lembremos que a comezos deste ano tamén houbo eleccións xerais en Portugal e a porcentaxe de voto que recibiu a extrema dereita, encarnada no partido Chega, multiplicouse por cinco, superando o 7%. Até ese momento, Portugal era un dos principais países europeos nos que a ultradereita aínda non tiña unha presenza significativa no Parlamento.

Reino Unido e Irlanda son agora os únicos territorios de Europa onde a extrema dereita é inexistente ou non ten representación parlamentaria. Outros máis pequenos -como Luxemburgo e Islandia- viven unha situación semellante. En Reino Unido, os ultras non teñen presenza na Cámara dos Comúns, en parte polo sistema electoral de maioría simple que favorece o dominio dos grandes partidos (laboristas e conservadores), aínda que tamén estean representadas forzas políticas de menor entidade, como os liberaldemócratas e varios grupos nacionalistas.

Pola súa banda, Polonia convértese no segundo país do continente que concentra máis voto ultra (50%), que se divide entre o gobernante PiS (43%) e a suma de varias formacións radicais (7%). Séguenlle outros catro países que se moven entre o 20% e o 30%: Bélxica, Suíza, Eslovaquia e Italia. España, coa representación de Vox (15%), sitúase no posto número once de todos os países analizados. Aínda que estas formacións difiren moito unhas doutras, por exemplo Vox e o partido independentista belga Interese Flamenco, si comparten unhas características similares que as sitúan na familia política da dereita radical populista. Destacados politólogos coinciden na súa análise sociolóxica, identificando tres grandes elementos comúns no ideario destas forzas: nativismo, autoritarismo e populismo.

Nativismo definido como ideoloxía que sostén que os Estados teñen que estar habitados exclusivamente por membros do grupo nativo e que elementos non nativos -tanto persoas como ideas- supoñen unha ameaza externa; esta concepción inclúe unha combinación de nacionalismo e xenofobia. Autoritarismo como a crenza nunha sociedade rigorosamente ordenada no que as violacións á autoridade reciben un castigo severo, e onde priman a tradición e os principios de lei, orde e moralismo convencional, pero esta visión non implica necesariamente unha actitude antidemocrática. E populismo entendido como ideoloxía que considera que a sociedade se divide en dous grupos homoxéneos e antagónicos: ‘o pobo puro’ fronte á ‘elite corrupta’, partindo da base de que a política debe ser unha expresión da vontade xeral do pobo. Na democracia populista, nada é máis importante cá esta vontade xeral, nin sequera os dereitos humanos ou as garantías constitucionais.

0.13214707374573