Entrega de diplomas aos participantes de dous obradoiros de emprego en Palas de Rei, Monterroso e Portomarín

LugoXa
A Xunta entrega os diplomas aos 20 participantes no obradoiro de emprego de Palas de Rei, Portomaín e Monterroso.
Entrega Diplomas Palas 2
10 Ago 2022

Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e promoción turística local e información ao visitante son as dúas especialidades nas que durante nove meses se formaron os 20 participantes no obradoiro de emprego da Xunta de Galicia, desenvolvido polos concellos de Palas de Rei, Monterroso e Portomarín. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe en Palas na entrega de diplomas aos alumnos e alumnas do obradoiro ‘Camiño de Santiago II’, no que o Goberno galego investiu case 347.000 euros, e que estivo impulsado por estes concellos e financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Acompañado polos alcaldes de Palas, Pablo Taboada; Monterroso, Rocío Seijas; e Portomarín, Pablo López, o delegado territorial explicou que a Xunta vén de resolver a nova convocatoria de obradoiros e lembrou que o Goberno Galego está tramitando unha partida adicional de 10 millóns de euros para toda Galicia para continuar “ofrecendo oportunidades laborais ás persoas desempregadas e mellorando as dotacións e servizos municipais”.

Neste sentido, Javier Arias subliñou que o obradoiro ‘Camiño de Santiago II’ permitiu adquirir formación teórica e práctica profesional ao tempo que “realizan obras e servizos de interese social, axudando no mantemento e mellora do patrimonio natural ou de espazos públicos, como é o caso deste obradoiro”.

De feito, se actuou en xardíns e zonas verdes de Os Chacotes, igrexa de San Tirso ou mercado gandeiro, en Palas; no albergue de peregrinos de Ligonde e na contorna do seu cruceiro e na área de descanso de Airexe, en Monterroso; e nos xardíns da igrexa de San Pedro e no treito do Camiño de Santiago, en Portomarín. Un total de 14 alumnos deste obradoiro se formaron nesta especialidade, mentres que outros seis fixeron o propio na área de promoción turística local e información ao visitante.

O delegado territorial da Xunta en Lugo destacou ademais que catro destes 20 alumnos, lograron un posto de traballo en empresas da zona, grazas ás axudas concedidas pola Consellería de Emprego e Igualdade para incentivar a contratación laboral, e que ascenderon a 6.000 euros, co compromiso de contratación desas catro persoas.

Javier Arias insistiu na firme aposta da Xunta de Galicia por este tipo de iniciativas que favorecen o acceso ao mercado laboral de persoas desempregadas ao tempo que se axuda aos concellos, de aí que “a seguinte convocatoria de obradoiros, non só se mantén, senón que incrementa o tempo de formación e de salarios para os seus participantes”, salientou.

De feito, estes tres concellos poderán desenvolver un novo obradoiro de emprego, o ‘Camiño de Santiago III’, cunha duración que se amplía dos nove aos doce meses e cun orzamento que pasa dos 347.000 aos 504.000 euros.

Para a próxima convocatoria, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina 8,2 millóns de euros a financiar 16 novos obradoiros duais de emprego que se levarán a cabo en 46 municipios da provincia de Lugo, e que suporán a contratación por todo un ano de 320 persoas desempregadas para recibir formación teórica e práctica en áreas con boas perspectivas de inserción laboral.

0.21551299095154