Entregada unha nova vivenda de promoción pública na Tinería
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, fixo entrega dunha vivenda de promoción pública no barrio da Tinería, un apartamento de 58 metros cadrados con dúas habitacións situado na rúa Miño.
Arias sinalou que atraer poboación ao barrio “constitúe un dos piares no que sustentamos a súa rehabilitación, para que avance paralelamente na recuperación urbanística e na dinamización socioeconómica”. Grazas ao programa Rexurbe, cómpre lembrar que o Goberno galego adxudicou recentemente en réxime de alugueiro outras cinco vivendas rehabilitadas na rúa Tinería, e está redactando os proxectos de obra doutros dous edificios da rúa Catedral.
Nos últimos doce anos a Xunta recuperou ao redor de 30 edificios, adxudicou case 70 vivendas e promoveu máis dunha vintena de locais comerciais neste barrio.