Entregados 200 títulos de propiedade da parcelaria da Braña, en Baleira
86 veciños de Baleira recibiron hoxe preto de 200 títulos de propiedade da concentración parcelaria da Braña. Desta forma, dáse por rematado este proceso, o cal supuxo un investimento de preto de 1 millón de euros.
Esta parcelaria supuxo a reorganización dunha superficie de 229 hectáreas, a cal permitiu cuadriplicar a superficie media das parcelas resultantes, ao pasar de 735 predios iniciais a 188 parcelas finais. Ademais, a meirande parte da superficie concentrada está dedicada a labradío, polo que esta parcelaria tamén permitiu reducir os custos de produción das granxas ao concentrarse a súa base territorial.
Neste senso, o Conselleiro de Medio Rural, José González, sinalou que a través destes procesos conséguese paliar o minifundismo presente na comunidade galega, dende o punto de vista da estrutura da propiedade, polo que son unha ferramenta fundamental na reorganización do territorio.
Por iso, estes mecanismos de reordenación son unha aposta clara do Goberno galego e, mostra disto, indicou o conselleiro, foron os preto de 22.000 títulos entregados de 20 concentracións desde o ano 2020 a arredor de 9.100 propietarios, incluídos os da parcelaria de hoxe en Baleira.
Así mesmo, o titular de Medio Rural reiterou o seu compromiso en seguir traballando na finalización das 94 parcelarias que a día de hoxe están abertas, aclarando que en 58 delas os veciños xa están facendo uso das novas parcelas.
Nesta liña, indicou que para este ano 2022 o seu departamento conta cun orzamento de 12 millóns de euros para poder finalizar ditos procesos e seguir declarando novas parcelarias. De feito, lembrou que o pasado ano foron decretados cinco novos procesos nos concellos de Ordes, Outeiro de Rei, Friol e Castro de Rei.
Estas novas concentracións parcelarias -iniciadas ao abeiro da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga)- teñen unha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións.
Ademais, José González indicou que se seguirán impulsando este tipo de procesos á vez que se aposta por outros instrumentos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras. Así, tal e como recolle a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, fomentaranse os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, as aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outros.