Entregados en Outeiro de Rei os premios aos gañadores do concurso de decoración de Nadal

O Concello de Outeiro de Rei entregou os premios do IV Concurso de Decoración de Nadal de Fachadas e Xardíns 2025, unha iniciativa coa que o goberno local busca fomentar a participación veciñal e poñer en valor o esforzo realizado polas persoas participantes na ambientación do municipio durante as festas do Nadal.
O acto tivo lugar no salón de plenos do Concello e os galardóns foron entregados por José Pardo Lombao, alcalde do Concello, e Begoña Seco Varela, tenente de alcalde.
Concedéronse dous premios de 100 euros a Abel Vélez Lozano e a Manuel Cobas Gómez, ambos da parroquia de Sobrada, polas súas destacadas propostas decorativas.
Así mesmo, outorgáronse dous premios de 75 euros a Nuria Rodríguez Sear, da parroquia de Guillar, e a Florentina Román Illán, de San Félix de Paz, en recoñecemento á calidade e creatividade das súas decoracións.
Na categoría de premios de 50 euros, as persoas galardoadas foron Jessica Silva Rodríguez, veciña de Outeiro de Rei, e Alba Rodríguez Zapata, da parroquia de Silvarrei, completando así a relación de premiados desta cuarta edición do concurso.
Desde o Concello destacan o elevado nivel das decoracións presentadas e agradecen a participación de todas as persoas inscritas, subliñando que iniciativas como esta contribúen a crear un ambiente festivo e acolledor en todo o municipio.