Entregados os diplomas aos participantes na formación en animación 2D e 3D
Entregados os diplomas aos dezasete mozos e mozas que completaron o Curso de Animación 2D e 3D, que se desenvolveu no marco dun convenio de colaboración entre o Concello e a Fundación INCYDE, cofinanciado pola UE a través do Fondo Social Europeo.
A alcaldesa, Lara Méndez, felicitou aos participantes e animounos a seguir formándose “nun dos sectores con maior potencial de crecemento e innovación da industria dos contidos dixitais en España, ligado ao desenvolvemento de videoxogos; un campo profesional que demanda perfís con formación especializada”. Neste senso, Méndez explicou que “a través deste programa buscamos facilitar os coñecementos necesarios aos mozos e mozas, de xeito que reúnan as mellores condicións para optar a un posto de traballo neste campo, en constante crecemento”.
A acción formativa desenvolveuse, dende o pasado 24 de outubro, durante sete semanas, en formato semipresencial, (dobre opción, presencial e en streaming en formato en liña), con titorías individuais tamén nese dobre formato. Os beneficiarios e beneficiarias do programa foron mozos e mozas menores de 30 anos, desempregados e rexistrados no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.
O contido do programa abarcou as principais disciplinas vinculadas co sector para introducirse no mundo do videoxogo e a animación. Os profesionais do deseño e a produción 3D dedícanse a xerar gráficos tridimensionales por computador. Trátase dun sector en expansión na industria do entretemento e en moitas outras áreas (publicidade, infoarquitectura, audiovisuais, educación, investigación científica…).