Entregados os premios á Excelencia do Turismo e a Gastronomía

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Tomé destaca a “calidade e variedade” das iniciativas turísticas distinguidas pola Deputación
gala-entrega-premios-turismo-deputacion
27 sep 2024

O presidente da Deputación de Lugo e Presidente do Consello Provincial de Turismo, José Tomé Roca, presidiu este venres, no Día Mundial do Turismo, o acto de entrega dos quintos premios á excelencia do turismo e a gastronomía da provincia. “Todos os premiados sodes unha representación da calidade, da variedade e da riqueza turística e gastronómica de Lugo”, manifestou o mandatario provincial durante o evento.

Na categoría Lugo Cambia ao Turismo Lucense o xurado distinguiu A Ruta dos Lobos da Fonsagrada e a Mina Consuelo e Boulloso da Pontenova; na de ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense premiouse á Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite de Ribas de Sil, e a Feira do Capón de Vilalba; e na de Turismo Sostible cun único premio foi concedido ao Barco Museo Reina del Carmen de Burela, e outorgouse un accésit á Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu).

O acto, celebrado no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, contou coa presenza tamén da Vicepresidenta do Consello Provincial de Turismo e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, a Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira Morandeira, e membros do Consello de Turismo, o órgano que convocou e que fallou os galardóns.

As entidades premiadas recibiron un diploma e unha peza de cerámica de Gundivós, que acreditan este recoñecemento realizado dende o Consello Provincial de Turismo, un órgano consultivo e de participación para favorecer a gobernanza turística da provincia que foi promovido e está presidido pola Deputación de Lugo.

Unha aposta polo turismo de calidade

O presidente da Deputación de Lugo puxo en valor as iniciativas distinguidas coas que “percorremos costa e interior, falamos de paisaxes e de deporte, de cultura e etnografía; de ocio adaptado para unha pequena escapada ou para viaxar en familia”. Unha variedade, engadiu “da que nos temos que sentir orgullosos e que debe motivarnos a todos e a todas para seguir traballando”.

Incidiu José Tomé neste sentido que “o turismo é riqueza, fonte de emprego de calidade, é unha vía de desenvolvemento fundamental para o mundo rural”. “O turismo, ademais, é o mellor embaixador da nosa provincia lonxe das nosas fronteiras, divulgando esa idea de modernidade e calidade de vida pola que apostamos”, explicou.

Avanzou que a Deputación de Lugo seguirá impulsando estes recoñecementos á excelencia do turismo e a gastronomía da provincia porque, “é a mellor receita para loitar contra a masificación é a diversificación, a aposta por dar a coñecer destinos novos, polo turismo de familia, vinculada ao deporte ou adaptado a todas as idades”.

Rematou dicindo o Presidente “queremos traballar co sector, apoiando as vosas iniciativas e, por suposto, recoñecendo casos de éxito como as que premiamos hoxe”.

Dúas feiras, unha proba deportiva e dous espazos de interese

Na categoría Lugo Cambia ao turismo lucense, distinguíronse dous proxectos turísticos:

- A Ruta dos Lobos da Fonsagrada, por ser unha cita cicloturística que vai máis aló do aspecto deportivo, que ten un efecto multiplicador e transversal para a comarca da Fonsagrada e o conxunto da provincia. A ruta nace como iniciativa dun grupo de persoas, afeccionados á bicicleta, que deciden ensinar de forma sostible o potencial dunha pequena localidade como é A Fonsagrada. A celebración desta cita amosa zonas dun alto valor medioambiental e ten unha enorme repercursión económica e vertente social.

- A Mina Consuelo e Boulloso, impulsada polo Concello da Pontenova, foi premiada polo xurado pola súa aposta dos recursos locais, e por poñer en valor a arqueoloxía mineiro-industrial que conserva as súas orixes mineiras. O Concello da Pontenova restaurou no ano 2020 o antigo forno do Boulloso, situado xunto á Ruta do Ferrocarril, dando visibilidade ao patrimonio industrial ligado á minería de ferro. Posteriormente, en febreiro de 2022 habilitouse a Mina Consuelo para as visitas e inaugurouse a maior tirolina de Galicia, construída grazas ao apoio económico da Deputación Provincial de Lugo e que recrea o trazado do antigo tranvía aéreo mineiro. Esta infraestrutura constituíu un verdadeiro impulso do turismo deste concello, con incidencia na contorna da Mariña e en toda a provincia.

Polo que respecta á categoría ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense, o Concello de Ribas de Sil recibe este galardón pola súa Festa da Cereixa, do Viño e da Aceite que pon en valor tres produtos de calidade da gastronomía da provincia. Hai xa 22 anos que o Concello de Ribas de Sil decidiu que era preciso poñer en valor un produto tan singular como é a cereixa, que fai que madure antes que en moitas outras zonas.

Tamén nesta categoría foi galardoada a Feira do Capón de Vilalba pola súa antigüidade, singularidade, arraigamento e valor cultural. O capón de Vilalba ten unha longa historia, do cal temos referencias bibliográficas que nos falan da existencia de capóns na zona desde o ano 1521. Ademais, destaca por ser a única feira en Galicia destas características, sendo a máis arraigada no tempo, e conta cun elevado número de criadores de capóns na zona, e consumidores fieis a un produto de alta calidade, mantendo ano tras ano unha feira tradicional.

Por último, na categoría de Turismo Sostible resultou gañador o Barco Museo Reina do Carmen de Burela por dar a coñecer e conservar o patrimonio etnográfico relacionado coas xentes do mar. Durante as visitas guiadas ao Barco Museo búscase poñer en valor o uso de prácticas non invasivas para a biodiversidade oceánica e a concienciación sobre os problemas ecolóxicos, sociais e económicos que veñen dados polo uso de artes non controladas e de sobreexplotación dos mares. A aposta polas visitas escolares ao Barco mantense ano tras ano dada a importancia da educación ambiental desde a infancia.

0.15749287605286