Entregados os premios da III Proba da Copa de España Feminina de Billar 2024/2025

O Club de Billar Adai acolleu esta fin de semana a III Proba da Copa de España Feminina de Billar 2024/2025 no Corgo.
A competición contou coa participación de 24 das mellores xogadoras do panorama nacional, consolidándose como unha cita clave no calendario deste deporte.
Esta proba foi a terceira das catro que conforman a Copa de España Feminina da actual tempada. O circuíto comezou en outubro en Viella (Asturias), continuou en novembro en Córdoba e concluirá en abril en El Campello (Alicante). Todas elas son determinantes para definir a clasificación das xogadoras que representarán a España nos próximos Campionatos de Europa de Billar.
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, felicitou ao Club de Billar Adai por ter conseguido traer "a un núcleo rural da provincia de Lugo unha proba nacional desta relevancia" e destacou a importancia do club na dinamización da zona a través de clases, torneos e outras actividades que organiza durante todo o ano.
Ademais, Arias reafirmou o compromiso do Goberno galego para seguir colaborando con iniciativas coma esta, que "atraen visitantes, contribúen á promoción da provincia e xeran un retorno económico significativo".
O delegado lembrou tamén que o club dispón de instalacións renovadas tras a mellora executada na antiga casa escola de Adai, na que a Xunta colaborou cunha achega de 60.000 euros ao Concello do Corgo, permitindo así o adecuado desenvolvemento das actividades deportivas na zona.